Vivan as asociacións de veciños e demais entidades da Costa da Morte que tiran da vida cultural, social e comunitaria da nosa bisbarra. Se non fose por moitos destes colectivos, algúns pobos estarían máis mortos ca vivos. A magoa é que moitos dos dirixentes destas sociedades xa van vellos e non teñen rapaces novos que queiran substituílos. Moitas asociacións teñen o mesmo presidente dende hai vinte, trinta ou corenta anos, e non teñen quen os supla cando queren deixar ou dar un paso ao lado para que os colectivos poidan coller novos folgos. Non fai falta dicir nomes. Se un se pon a mirar son ben coñecidos. Moitos deles puxéronse ao fronte de agrupacións ou mesmo as crearon cando apenas pasaban dos vinte anos. Agora mesmo non hai ningún mozo de vinte anos que se poña crear unha agrupación cultural, veciñal ou deportiva. Nin sequera a coller unha presidencia, unha secretaría ou unha vogalía.
Vén todo isto a conto de que esta fin de semana hai un acontecemento polo que turrou a asociación de comerciantes de Camariñas: O Encaixe no Camiño, que partiu dunha crónica sobre a visita do rei Alfonso IX á vila. Ou pode vir tamén porque o Concello de Zas acaba de limpar o espazo que vai dende Pedra Vixía ata a pedra que lle dá nome ao lugar, deixando á vista dous muíños máis e máis rozou os toxos que comían o dolmen. E fíxoo arrastrado pola asociación Tabeirón, que habilitou unha ruta pola beira do río Grande que é un tesouro. Cando a sociedade está viva, os recursos da comunidade son mellor aproveitados. Así que longa vida ás asociacións da Costa da Morte.