A España dos mil rostros

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Apelícula máis vista no 2019 en Netflix foi Criminales en el mar, de Alex Sandler e Jennifer Aniston. Unha comedia rancia sobre unha España lúgubre e ridícula. Un país onde nada máis chegaren os turistas son atrapados en bailes de flamenco e autobuses case de feira. Todo moi de olé, olé, amenizado por escenarios rocambolescos, anticuados e con acento latino. Un retrato moi fiel á imaxe que os estranxeiros gardan do noso país. Pregúntenlle a un turista que nunca pisou a nosa terra sobre nós. Tres cousas viránselle á boca. Non falaran do arroz do Ebro, da olería de Buño ou da cerámica de Andalucía. Dirán: touros, tortilla e sevillanas. Tal parece que todo se reduce a iso, estereotipos afincados no descoñecemento. Ata se me vén a imaxe do touro de Osborne.

Aí  cando me pregunto o por qué desa cisma, de intentar borrar a pegada dos numerosos pobos que conforman unha sinerxia. Falo das linguas minorizadas, dos trazos dialécticos, do folclore, dos bailes, das lendas. E non, non falo de independencia. Falo da solidariedade entre comunidades, aquela que un día nos venderon. Dicir que somos unha nación separada, illada, non fai cambiar as cousas. O respecto entre culturas irmás, si.

Por iso, cando vexo a Benedicta Sánchez, muller do Corgo, recoller a Medalla Castelao, éncheseme o peito dun orgullo infinito. Ela representa a grandeza dos pobos, a elexía última a unha Galicia que se esquece nas guías por non ser un suposto emprazamento turístico. Ela representa a muller galega por antonomasia. Aquela que non renega das súas orixes e que sabe que a súa terra ten a proxección internacional suficiente para entrar pola porta grande en Cannes.