Volve o certame Enreguéifate

La Voz

CARBALLO

basilio bello

Público xeral e escolares non universitarios poderán participar no concurso con só enviar un vídeo de non máis de 3 minutos dunha regueifa

26 may 2019 . Actualizado a las 21:02 h.

Ata o vindeiro 10 de xuño permanecerá aberto o prazo para inscribirse no certame de improvisación oral en galego Enreguéifate, no cal poden participar tanto estudantes como público xeral, con só enviar as súas regueifas a través dun vídeo de non máis de tres minutos de duración e con temática libre.

O certame, que alcanza este ano a súa terceira edición, garda unha fonda vinculación coa Costa da Morte, pese a ser convocado polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, pois o instituto Maximino Romero de Lema de Baio, e especialmente o seu director, Manolo Maseda, están moi implicados na organización desta cita, e sobre todo da festexo final que pon fin ao ano escolar: a Regueifesta, na que en 2018 participaron máis de mil escolares.

O ano pasado, ademais, o galardón á regueifa máis brava (un dos varios que se conceden no certame) foi parar a Coristanco, ao dúo As Pataqueiras, formado por Yessica Nantón Remuiñán e Carmen María Taibo Regueira, ámbalas dúas alumnas do obradoiro de improvisación oral impartido por Lupe Blanco no Couto, Ponteceso.

Precisamente a través de obradoiros, aínda que no ámbito escolares, se difunde tamén este proxecto Enreguéifate, que vai moito máis aló dun mero concurso. Institutos como o Alfredo Brañas, o Monte Neme, o Parga Pondal ou os colexios Labarta Pose e CPI de Zas foron escenario dalgún destes talleres. Tamén se impulsou unha unidade didáctica coa cal os docentes poden abordar a regueifa nas aulas, explicando os seus conceptos básicos, a súa historia ou algúns dos nomes máis destacados desta disciplina dialéctica.