A xente pequena

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dígolle á persoa que gañe as eleccións xerais que teña claro que isto non foi só un triunfo, que teña claro que o camiño e a loita comezan aquí. Ao equipo de goberno, democraticamente elixido nas urnas, pediríalle que tivese conciencia do mundo no que quere vivir e mellorar. Que pense moito nos polígonos industriais, nas multinacionais, nos congresos, nos que nunca chegan a nada, nas poses protocolarias ou nas comodidades que ofrecen os asentos do Congreso ou do Senado.

Mais pídolle que pensen aínda moito máis na xente de a pé, na España que languidece ao abeiro da despoboación e o desemprego, nos mozos das aldeas, na necesidade e vulnerabilidade de moitas persoas e na oferta para achegarlle solucións.

Quero que ese equipo de goberno pense en Adrián. O mozo que saltou aos medios por ser o único do Concello de Yernes y Tameza, en Asturias. O mesmo Adrián que chega da escola e se pon a traballar co tractor. Ese mesmo que carga sobre as súas costas responsabilidades que non lle corresponden. O mesmo Adrián que describe a súa vida como traballo e máis traballo. Quero que coñezan a súa realidade: que ten 13 anos.

O noso contorno está cheo de mozos como Adrián. De moitos máis colectivos con risco de exclusión social, de coartación de oportunidades e brechas de desigualdade. Todo por nacer en lugares diferentes, en circunstancias diferentes.

A vostede, próximo presidente da monarquía parlamentaria de España, pídolle que non viva do éxtase da celebración e que se poña a traballar. Mire o mundo cos meus ollos. Préstollos.

Como dicía Eduardo Galeano, moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden mudar o mundo.