«A mostra ten como base a tradición oral»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Inaugurada no Museo de Arte Contemporánea a exposición «Corme. Territorio Sobre Natural»: son 8 paneis. Fala Ana Filgueira, experta en arqueoloxía e responsable de dirección, textos, fotografías e composición 

07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedou inaugurada onte no Museo de Arte Contemporánea de Corme a exposición «Corme. Territorio Sobre Natural», o resultado dun proxecto de cartografía mítica dirixido pola especialista en arqueoloxía Ana Isabel Filgueiras Rei, e impulsado dende a concellaría de Patrimonio, tendo como ámbito xeográfico as parroquias de Nosa Señora dos Remedios, San Adrián de Corme, San Xián de Brantuas e San Xoán de Niñóns. Foi Ana quen falou da mostra para Radio Voz.

-Que se pode ver nela?

-O resultado dun traballo de campo que se desenvolveu durante o verán pasado, e parte do inverno. Tivo como fase fundamental a recollida da tradición oral, a historia contada dende a xente, dende o seu ritmo vital, memoria, lembranzas e coñecemento do lugar. Incorpora, por suposto, todo o patrimonio do pasado, arqueolóxico, etnográfico... todo o valor que ten en si unha cultura moi particular como é a desta zona da Costa da Morte.

-Oito paneis que van abordando moitos aspectos.

-Si, exacto. É difícil expresalo todo así dun xeito gráfico, pero é a forma máis directa. É, tamén, un xeito de agradecer a todas esas persoas, porque a súa información esta aí, a parte dalgunha outra erudita: esta exposición está orientada a expresar o que nos comunica a tradición oral. Os oito paneis temáticos comezan pola Prehistoria: hai cartografía e mapas, pero van incorporadas lendas e tradicións relacionadas, por exemplo, cos restos arqueolóxicos que ten Corme e coa existencia alí dunha pedrafita ou dun menhir, algo singular porque en Galicia está desaparecido moito deste patrimonio. Os outros paneis van dende o coñecemento do que é habitar, a como se aborda a morte, ou cuestións cerimoniais e de relixiosidade popular, crenzas, patrimonio natural... Todo o sobrenatural, o menos visible, o máis máxico, de aí que lle chamemos «sobre natural», nos dous sentidos.

-Como foron eses meses de estudo ata chegar aquí?

-Intensivos, porque require o contacto directo: para coñecer un territorio tes que andalo e camiñalo. Está a base que sustenta o territorio, as persoas que o habitan, especialmente as maiores, que son as que teñen ese saber transmitido durante milenios, os últimos depositarios. De aí a emerxencia do proxecto, no que tamén se recolleu toda a toponimia, microtoponomia e talasonimia (os nomes do mar), para que alomenos quedaron rexistradas sobre cartografías e mapas. Sen garantir a súa permanencia perdemos unha enciclopedia do que foi o vivir neste lugar. En Galicia temos millóns de topónimos, é un patrimonio único no mundo e esta desaparecendo.

ANA GARCIA

-Dirección, textos, fotografías e composición correspóndelle a vostede e a Antón Bouzas. Satisfeitos co resultado?

-Completamente. É un esforzo, pero tamén unha aprendizaxe. Levo trinta anos nisto e para min é un privilexio, un enriquecemento, primeiro persoal, polas relacións humanas. Teño que destacar, e especialmente en Corme, a colaboración, o entusiasmo da xente, a súa disposición, o orgullo que senten do que teñen. Tamén os mozos: teñen unha enerxía e unha intención de mandar isto para o mundo, son conscientes do que teñen. Houbo colaboración cos colexios, fixéronse guías, visitas guiadas con xente de fóra... Todo iso conseguiuse e estamos contentos de poder ter aportado algo.

-Ata cando se poderá ver?

-En principio até o verán. Hai a iniciativa de que sexa itinerante, poñéndose en contacto coa concellaría de Patrimonio.