Fin de ciclo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

27 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

día de hoxe, case catro mil aldeas están abandonadas, o que supón a metade dos castros coñecidos, que eran os primeiros asentamentos estables que coñecemos, pero a evolución pode verse acelerada en canto vaian morrendo os derradeiros labregos, os que saben o que é a supervivencia. Os nostálxicos están preocupados polo abandono do rural e os políticos tíranse dos pelos para deseñar medidas que freen o que non ten parada posible. Non vexo ás novas xeracións cun sacho ao lombo e o móbil na man, nin erguéndose ás seis para tornar a auga dos regatos, nin organizarse en quendas para os muíños.

Todo iso é pasado, asistimos ao final do que foi o mundo labrego durante séculos. Os que quedan vivindo no rural inzan as leiras de eucaliptos, en explotacións das que se encargan empresas con máquinas depredadoras. Os incendios forestais seguirán medrando en número e en devastación. As fontes acabarán contaminándose, os ríos tamén.

Xa levamos anos vendo como os políticos veñen aprobando leis que prohiben todo e fan imposible a vida rural, vetando a caza ou os produtos naturais, enviando funcionarios a inspeccionar aos labregos, facéndolle a vida imposible. Xa non se ven vacas ceibas, nin ovellas, nin hai porcos nas casas, axiña desaparecerán as galiñas e os coellos, os repolos e os grelos. A nosa alimentación xa non será de produtos naturais da terra, tal vez chegaremos a comer insectos ou pezas de laboratorio. O final do ciclo está cada vez máis preto. Do que quede deste ciclo, os arqueólogos do futuro investigarán.

Isto que hoxe é un relato de ficción pode facerse realidade.