Lin recentemente un fermoso artigo da escritora e filóloga Olga Novo (por outra parte, boa coñecedora das relacións da Bretaña con Galicia), no que relataba as ansias dunha parente moi maior e emigrada en Alemaña para que, cando lle chegara a hora, a enterrasen na súa parroquial natal. O argumento non podía ser máis convincente: ¿como se ía a entender cos mortos do cemiterio alemán, se nin os coñecía nin falaba a súa lingua?
Os que xa imos nun tempo levamos na alma certos códigos de vida e morte que son tan propios e persoais como o corazón. A min aínda me custa moito entender que un se enterre noutra parroquia distinta á súa. Xa sei que hai moitas excepcións: casaches ou fuches vivir para outro lado (e por tanto xa es de alí), non houbo maneira de ampliar o camposanto e houbo que mercar sepultura pola volta... Hai situacións que son lóxicas.
Pero, aínda con esas, mesmo estando lonxe ou noutro lugar, as mortes dos que son ou foron veciños do sitio acaban sentíndose como lazos que se rompen entre xente unida por un territorio, familias e apelidos, vivencias da infancia e mocidade, nomes de leiras e montes, lembranzas de espazos e feitos. E se iso nos pasa hoxe, ¡como non sería ata hai 30 ou 40 anos!, cando a vida toda estaba na parroquia dun ou na do lado. Por iso a emigración, europea sobre todo, non concibe outro xeito de enterrarse que facelo no seu. Xa sexa para falar cos outros ou sinxelamente para estar máis tranquilo. Cando digo falar inclúo os paseos da Rolda ou Santa Compaña. De neno sempre me dicían que non podía saír da parroquia, pero eu unha vez creo que a vin de escapada. Iría de aventura.