Os calantes

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

08 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte neste xornal Xosé Ameixeiras escribía unha fermosa descrición en recordo de Marcial Martínez, o último pastor do monte Pindo. Como sempre acontece cos pastores, nunca renegou do seu territorio; era unha estampa fermosa a destes anciáns choutando con ollos pechados entre penedos, abertos a contarlles a todo o mundo os segredos das pedras.

Alí rematou un mundo que apenas se transferiu; levamos décadas matando a tradición porque nos lembra demasiado a nós mesmos. Paseando o outro día pola Ribeira Sacra na procura dunha ermida románica en ruínas, paramos diante dunha casa na que había un rapaz lavando o coche. Preguntamos pola capela e el mirounos coma se foramos marcianos. A ermida estaba a cen metros en liña recta da súa casa, a soamente cen metros.

Poderiamos responsabilizalo a el e á súa xeración de indolente ignorancia, e aos teléfonos móbiles e ás drogas se fai falta, pero só é parcialmente culpable. Esa desfeita do saber foi liderada por uns entusiastas pais e veciños que, coñecendo o lugar calárono a mantenta porque o sitio no que se vive non paga a pena e total, se vai haber que emigrar.

O actor Avelino González escoitoulle ao escritor mindoniense Antonio Reigosa a idea dos galegocalantes, esa xeración que decidiu esgazar a nosa cultura e identidade coa arma do silencio na segunda metade deste século. O pastor do Pindo non pertencía a ela. El foi adoptado pola grei de inmortais xigantes de pedra que vive no Pindo. Ese clan granítico continuará lembrando canto todos nós desaparezamos da memoria.