Os vellos camiños do medio do monte, que eu tanto boto de menos (aínda que ben aproveito para ir por eles co coche, para ganar tempo), están agora asfaltados ou cunha base de zahorra moi compacta. Tanto, que case parecen eiras nalgúns tramos. A nostalxia é poderosa e fai perder a razón moitas veces: nos tempos das cheas había que subir os valados e ir por dentro das fincas porque as pozas e as lameiras eran como lagoas ou areas movedizas. Facíamos carreiros por aquelas propiedades privadas, pero non había máis remedio. O único seco era a pedra dos muros, método construtivo que agora tanto se recoñece, pero ao que nunca se lle facía caso.
Por esas pistas andan agora, cada día, centos de persoas. A maioría mulleres, vellas ou non tanto, pero xa sabemos que elas cumpren máis ca nós e sobre todo son máis disciplinadas. Se o médico di que hai que ir camiñar, vaise e punto. Pola saúde física, pero a de relacionarse non é menor. Hai moitas que, grazas a estes paseos, atópanse con veciños que non vían dende hai moitísimos anos. Non é como agora, que todos nos vemos se queremos e chegamos a calquera parte axiña. Elas viven con ese código de que o desprazamento ten que ter unha finalidade. Ir para nada era tontería. Ata agora. Así que a miúdo uns e outros atópanse con xente de outras parroquias en pleno percorrido e ponse ao día de moitas cousas. Uns minutos para falar, para atar cabos familiares, para recuperar nomes que xa se estaban esquecendo dende a mocidade, para lembrar como aquel monte antes era unha leira, para ver como che van os fillos... Creo que hai poucas terapias mellores.