As badaladas que dan fe dun decenio de vida

Luis Giadás O RAIO TRANSPARENTE

CARBALLO

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fepiña -A Fundación Eduardo Pondal- xa vai sendo unha mociña de dez anos, nesta festividade de Santa Lucía de 2018. Comezou este ano ollando, fascinada, como se podía contar a vida do Bardo de Bergantiños nun asubío (Media) de cinco minutos; aplaudiu, entusiasmada, a Esther e Lucía, alumnas das Aulas Científicas, por ter acadado o III Premio de Galiciencia; desfrutou da Festiciencia, primeira feira científica da Costa da Morte, no propio Couto; correxou polas rúas da aldea, cos seus amiguiños da Escoliña de Verán… Iso si, atenta ao tráfico e levando o casco cando ía en bici… que algo lle ensinaran en educación vial!

Só parou para escoitar as Encrucilladas sonoras (músicas, cantos, testemuños vitais) que intersectaban os rueiros de animación, de vida… Ou quedouse absorta nas máquinas agrícolas que, con garboso ademán, afastábanse cara o solpor grisáceo, no muro da Correduira de Bértoa, obra de Isa Fernández e do Mighelo de Cances … ou nas tres «Caza-lumes», de Joseba M. Piscore, garridas donas da terra… Como garridas donas da palabra son Teresa de Mincos, Teresa dos Cucos e Dolores de Borneiro, que arrequenceron a lareira da Fundación coa súa espontaneidade.

A Fepiña aprendeu quen era Mosqueira Manso a través da maxia actoral de Lucho Penabade ; asimilou os variados contidos de «Ferrados, memoria e algún becho» e viaxou ata Santiago (Día de Rosalía, Planeta Amarte), Celanova (Fundación Curros Enríquez), Gres (Fundación Neira Vilas), Rianxo (Roteiro Castelao) e Mondoñedo (emotivo homenaxe a Pascual Veiga no cemiterio local). Aledouse da xenerosa colaboración da Escola Galega da Paisaxe e rebuldiu por entre os moitos asistentes á Universidade Rural, compartillando con eles os obradoiros de manualidades, artesanía, informática, lectura, dramatizacións e xogos ; acompañou ós voluntarios do campo de traballo «Alí xaz». Decatouse, en fin, da grande riqueza que agochan os «rumorosos» a través dos xogos realizados en «Pondal e os pinos».

Pero, de tódalas actividades nas que participou ó longo deste ano, a que máis ilusión lle fixo foi a que levou a cabo con Alba e Brais: subir ó campanario «garrido e branqueador», labrado por Gamallo, e axitar o badallo, convocando a tódolos veciños a seguir latexando a prol do espírito comunitario … cada badalada que dá é unha fe de vida de que O Couto segue estando aí, ecoando o seu son cara os tempos vindeiros.