A regueifa da semana: «Andade con ollo, pois vai ser cousa boa, que se che meten a multa, se paga con centola»

Lupe Blanco

CARBALLO

Matalobos

A regueifa da semana, por Lupe Blanco

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí estamos outro día,

xa chega a regueifeira.

Que teñades bo domingo

para pasear na feira.

Hai que vir dar unha volta,

que é todo calidade.

Podedes tomar un viño

paseade e máis comprade.

Porque xa van avisando,

que o comercio non engana,

van ir subindo nos prezos

pola culpa da campaña.

Que o Nadal é o que ten,

todo sobe ata o máximo,

tamén soben as multas,

polo que din os de Tráfico.

Así que andade con ollo

de non levar moita présa,

que nos pode saír cara

a dichosa cea de empresa.

Tede coidado cas ceas,

que logo ben non acaban,

se ides beber das pozas,

os taxis tamén traballan.

Porque pasa o de sempre,

que o viño non estorba,

pero cando te dás conta

tes a Tráfico na porta.

Polo menos en Carballo,

aínda que sei que pelexan

con tanta peonil

ata a porta non chegan.

Hai que darlle a noraboa,

que ben se ve o que pasa.

Eu apoio a campaña

de deixar o coche na casa.

Así que andade con ollo,

pois vai ser cousa boa

que, se che meten a multa,

non se paga con centolas.

Xa vos dou a despedida

de maneira elegante,

gozade do domingo

e do que queda por diante.