Non son da maré de lectores que tivo no seu momento o escritor Manuel Vázquez Montalbán. Cando el estaba no apoxeo da súa fama como novelista, eu aínda era demasiado cativo. Interesábanme outras lecturas. Pero o detective Pepe Carvalho enchía as bibliotecas de moitos barcos da Mariña Mercante, e era unha lectura enormemente popular.
Volvín agora a Montalbán, non sei moi ben por que. Se cadra precisaba atopar unha combinación non tan doada de localizar. Unha lectura que fose intelixente, entretida e tamén próxima.
Os lectores debemos cultivar os nosos caprichos sen ningún tipo de reparo. Á fin e ao cabo, é a ficción e a fantasía o único refuxio que temos hoxe en día, o único tipo de decisión que non ten consecuencias (agás que sexas o Quixote e papes libros de cabalerías como se fosen chourizos).
E o que me atopo en Montalbán é moi bo. Ten ese sabor oitenteiro do bigote, o puro, o sofá de skai e o whisky en vaso redondo. Unha historia ben contada e ben levada,
digna de quen ten oficio, e moi atada ao seu tempo. Montalbán describe con retranca a esquerda de salón e unha dereita moi sombriza, que pasou dun réxime a outro sen perder un só pelo. Carvalho e as súas apetencias gourmet son ben sorprendentes. Non sei o que pensaría da moda-manía gastronómica actual. Aí están os anos 80 a revelarse e a revelarnos o que hoxe somos.
Non sei como os meus alumnos, por exemplo, recibirían estas novelas negras. Pero déase un capricho, un caprichiño, e probe un Carvalho para este Nadal. Non caduca nunca.