Chegar a ser vellos

CARBALLO

29 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Carl Gustav Jung que non se pode vivir o solpor do día co mesmo programa concibido para a mañá. Algo así pasa coa concepción xeral da vellez. Algo que xa emerxe cando escoitamos a palabra, cando nos falan da terceira idade, da última etapa das nosas vidas. Eu penso que empezamos a envellecer dende que nacemos, nun proceso que se chama existencia, aínda que moitos refusen recoñecelo. Mais, en todos nós, impera o paradigma de mulleres eternamente novas, sen canas, sen manchas na pel ou engurras. Nínfulas, como diría Nabokov, que están completamente remotas á muller biolóxica, natural.

Falo en feminino porque o peso da sociedade arredor das mulleres é maior que aos homes, aínda que, no fondo, en maior ou menor medida, todos lle temos medo a vellez. Será polo medo á morte? Temos medo á frustración que produce ver unha versión de nós mesmos que nos desagrade?

Eu non sei se a reticencia á vellez é un factor cultural, sociolóxico ou mesmo filosófico e inherente á persoa. Só creo que cada un ten que mudar esa idealización que hai sobre a xuventude, a persoa vella cambiou, pero segue sendo el ou ela, coas súas experiencias vitais, os seus medos, as súas enfermidades, o seu ritmo de vida, o seu selo persoal.

García Márquez é un dos escritores que máis reivindicou a revalorización da vellez e do amor nesta etapa. Na súa derradeira novela descríbenos a un ancián de noventa anos que se ve no final da súa vida coa certeza de non ter vivido nin amado con rotundidade en todos os seus anos. Un ancián que busca o amor, que está lonxe da imaxe da vellez asexual e sedentaria.

A vellez séntese, non se ten. Hai xente que nace vella, e outros que conservan até o último intre a súa xuventude.