Aterrar nun feixe de ortigas


Eramos ben felices eses cativos que, sen medo a emporcar as uñas, fozabamos na terra durante horas até chegar ao que nós críamos que era o centro do planeta. Os que tivemos a sorte de medrar na aldea lembramos esas tardes de calor a remollo no regacho do lugar, ou esas maratonianas sesións de tirarse a rolos pola leira empinada, para así refregarse pola herba fresca. Non había nada mellor que subirse aos rolos de palla e xogar a ser eses xigantes dos que falaba o Quixote. Iso si, cando os plásticos aparecían furados, sempre se lle podía botar a culpa ás gadoupas do gato do veciño, aínda que rara vez esa desculpa pasaba por boa ante os ollos dos pais. Listos eles, non se lles escapaba unha! Os nenos dos noventa fomos felizmente libres, criámonos lonxe das maquiniñas e das pantallas que tan ben nos aparvan hoxe en día. Sen Instagram, sen eye challenge, sen Fortnite e sen gaitas. Con calquera pequeno apeiro que atopabamos polos cabanotes inventabamos un xogo sen igual. Os sachos e as horquillas convertíanse en cetros de rei ou raíña, as batas para muxir tornaban en finas e longas capas de faraón, as xiringas grosas de plástico (sen punta, por suposto) eran o aparello perfecto para xogar aos veterinarios e enzoufar ao can de auga en días de calor. Un bota de menos aqueles tempos, non só pola perda da inocencia, senón pola tristeza da infancia de hoxe. Nenos a iPads pegados que descoñecen o pracer de enterrar os dedos na terra para comprobar que, efectivamente, está máis fresquiña e húmida. Ou esa sensación de aterrar nun feixe de ortigas. Esa sensación non se esquece.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

Aterrar nun feixe de ortigas