«Punta da lúa»

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Non só se perde o noso territorio físico, o material, co paso do tempo. Tamén o mental, espiritual, sensorial ou xa non sei como chamarlle. Os ritmos da vida xa os marcan os teléfonos móbiles, non as luces do día. Nin as estacións ou as lúas. É un tránsito coñecido, acelerado coas migracións ás cidades ou ás urbes maiores, pero a cada un chégalle cando lles chega e a algúns xa non lle tocará nunca.

As fases lunares. ¿Como lle explicamos agora a un adolescente que o sábado é punta da lúa (sempre dixemos punta da luna: erros léxicos demasiado implantados xa) e polo tanto non se poderán apañar as patacas? Vale, por partes: ¿Como lle explicamos primeiro o que é apañar patacas? Imos pensar que por asimilación e intuición xa o saben, aínda que lles resulte pintoresco, pero teño as miñas dúbidas. Tal vez mandándolles un GIF por WhatsApp. Ou un tutorial en Youtube. Pero co da luna mellor nin intentalo. Ata a min, cos meus anos, custábame aceptar que todos os traballos agrarios relevantes se guiasen polo satélite, e conformábame con pensar que, se está detrás das mareas, igual aos tubérculos tamén lle facía algo. Se non lembro mal, a explicación por este tempo viña porque as patacas recollidas nesta fase despois non se podían deixar para a semente.

De todos os xeitos, onte había xente maior apañando nas leiras da volta, así que xa nin caso ás tradicións se lle fai por parte de todos os que as entenden. Outras xa onde van, como as de mirar o calendario ata para cortar o pelo. O que é certo é que os rapaces medrarán sen saber guiarse polo ceo, polo aire, pola luz. É unha mágoa, pero o tempo pasa por todos.