«Todo llo debemos a Mucha e Nucha»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Marcos Pereiro, actor e humorista, ten familia en Camariñas e asegura que toda a Costa da Morte é para el «extraordinaria». Sométese a este «A Remollo» e declárase namorado do Couto: ¡así fala!

05 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O día desta conversa, Marcos Pereiro andaba por Vilalba, para a gravación dunha nova entrega de Malo será! O seu é un rostro coñecido, querido, e por iso tampouco estraña que faga parada entre preguntas para corresponderlle o saúdo e o cariño a quen se lle achega. É natural. A artífice da inesquecible Nucha naceu en Alemaña (1981), fillo de emigrantes, mais con 8 anos volveu a Culleredo. Os seus primeiros recordos son, pois, «en Alemaña, e en alemán». Non volveu aló e, co paso dos anos, lembra aquel cambio: aprender a falar ben galego e castelán ou, tamén, a procura de papeleiras. Pereiro, que garda fonda relación coa comarca, vén de estar na Semana Cultural de Zas: «Aquel día xusto empezaba o verán». O vindeiro 10 de agosto estará no Couto, en Ponteceso, no ciclo Encrucilladas.

-¿Que é iso de «Como ser armario empotrado», a súa función?

-Vén dunha época na que decidín ir ao ximnasio, coidarme un pouco. Non o consigo aínda, eh! Sempre fixen deporte, nos últimos tempos menos, pero ao ximnasio nunca ía e esta función vén das cousas que vía alí. E o do armario empotrado... é por un individuo que había e que facía uns exercicios que me deixaban loco... Hai historias para dar e tomar. Este é un espectáculo que teño aí para facer eu só e a verdade é que se está acollendo moi ben: cada vez teño mellores sensacións, e o público tamén.

-¿É diferente saír ao escenario na súa pel e non na dun personaxe?

-Intimida máis, pode ser, pero a verdade é que eu lévoo [o espectáculo] a un Marcos que non é Marcos. É un Marcos máis aparvado. En certa maneira, un personaxe, aínda que si falo eu, conto quen son, de onde veño... e aventuras do Luar ficcionadas.

-¿Aínda o seguen parando por Nucha? ¿A ver se fala coma ela?

-Iso dimo moita xente. «¿Eres ti? Non eres ti? A ver, fálame un pouco». E fálolle. Para Nucha cambiaba algo a voz, pero parécese moito á miña.

-Mucha e Nucha quedan para sempre, son inesquecibles.

-Si, claro, sono para Touriñán e para min, independentemente das cousas que nos viñeron despois e da maneira na que el está arrasando en todos os lados. O punto de inicio foi Mucha e Nucha, algo que creamos nós e co que empezamos a facer actuacións polos bares, enriba de caixas de cervexa, con asociacións hai xa 16 anos... Esas historias fixémolas nós, os personaxes fixémolos nós... e todo llo debemos a Mucha e a Nucha. Todo o que temos é grazas a elas.

-E aínda hai confusión sobre os nomes, sobre cal é cal das dúas...

-¡Aínda a día de hoxe! Hai o de non saber cal é cal e logo un montón de variantes. Somos Lucha e Tucha, as Tonechas, As Conechas... Lucha e Lucha... As Tuchas... ¡De todo!

Ana Garcia

-Agora anda gravando «Malo Será!», sempre no camiño. Parece que o verán será de aquí para alá.

-Hoxe [o pasado xoves] estamos en Vilalba. Antes, Noia. Iremos agora á Illa de Arousa... Cada semana son cen páxinas de guión e cando se acaba a gravación danche o próximo. Tes na fin de semana dous días para ti, pero son para ti e para eles, porque o luns tes ensaio e para o xoves xa só quedan tres días... É duro, pero para min algo divertido e marabilloso.

-Vamos, un verán de estudo.

-¡Total! Isto estame recordando a miña época de BUP, estudando todo o verán porque durante o curso estaba de vacacións [ri...].

-Tanto con este programa como con «Buscando Ardebullo» percorreron Galicia arriba e abaixo.

-Co que máis Galicia coñecín foi con Mucha e Nucha. Este programa de agora, Malo será!, estámolo gravando cuns canarios, porque nas Canarias lévase facendo 16 anos. Veñen os produtores e un director -temos un de aquí e un de alá- e ensinámoslle Galicia, aínda que polo de agora non tivemos oportunidade de ir á Costa da Morte, para min un dos sitios máis bonitos. Pois eles están alucinando: ¡alucinan coas verbenas! Non dan crédito.

-¿Como entrou vostede na Costa da Morte? ¿Como a coñeceu?

-¡Dígoche como foi! Teño familia en Camariñas. Meu pai ten dúas irmás e están casadas con dous irmáns de Brañas Verdes. ¡Entrei por aí! Ao volver de Alemaña, moitos veráns pasábaos na casa de miña tía Chelo, cos meus primos... Ao Carme de Camariñas ía todos os anos.

-¡Entrou pola porta grande!

-Si, si, si... ¡Por Camariñas! Non había a estrada que hai hoxe [ri].

-¿E logo, Marcos, houbo algún lugar que o impactase aquí?

-Estou namorado do Couto. É lomás. A semana das Festiletras, un espectáculo: non hai outro sitio de Galicia con esa programación. Debería ser máis coñecido aínda. O Couto é pequeno, ¡pero é tan grande! De destacar un sitio, por xustiza sería ese, aínda que toda a Costa da Morte é extraordinaria. O Camiño dos Faros...

Para cotillas

-Dígame un sitio da Costa da Morte que sexa refuxio para vostede, a maiores dos citados.

-Coñecín O Ézaro por Touriñán, porque el sempre veraneaba alí coa familia. Coñecino xusto o ano anterior ao paso de La Vuelta e podería dicir que ese é o meu refuxio. Tamén Caldebarcos, sitio estupendo onde teño amigos.

-¿E se tivera un verán de descanso? ¿Que faría con el?

-Direi unha cousa non moi ortodoxa, pero se tivese un mes, iríame ao hemisferio sur a esquiar á neve. Son máis de inverno ca de verán. ¡Se nevara na Costa da Morte sería algo estupendo!

-¿Mar ou montaña?

-¡Montaña! Son de montaña. ¡E iso haino na Costa da Morte!

-¿Algunha debilidade a nivel gastronómico?

-Home... pois si... téñoas todas. Gústame todo [ri]. Mira, para comer ben sempre vou pola vosa zona. Casa da Crega, Fontevella, aí por Caldebarcos e Carnota. Non é que vaia sempre, pero gústame, e se quero levar alguén a comer ben, pois esa zona... A Corcubión...

-¿Pescado ou carne?

-Son máis carnívoro, pero o marisco tamén me gusta e o peixe é extraordinario.... Gústame en todas as variantes menos cocido, quitando a caldeirada... E se é a que fan na Casa da Crega... ¡iso é para morrer! Aí si que non fago excepción: nin carne nin nada.

-¿A última película que viu?

-¡Uuuf! Pois así... unha película enteira... ¿No cine, queres dicir?

-Ou na televisión...

-No cine, a de «Infinite War». Terrible, terrible, terrible. Puiden ter quedado na casa. No último mes teño todo moi aparcado, pero bueno, son bastante de ciencia ficción. «Star Wars» é unha marabilla, pero aínda non puiden ver a última.

-¿E un libro?

-Nas últimas semanas, guións, pero o último libro que lin foi un de divulgación científica: «El universo en tu mano».

-¿Que afección ten cando ten anaquiños libres?

-Se teño ratos libros, fago fotos. Foi o que estudei, Fotografía Artística, algo que retomei en serio, todo o que podo, hai dous anos. É algo que me gusta moito. O domingo pasado fun a Santa Marta de Ribarteme. No meu Instagram debe de haber dúas fotos miñas, un par de autorretratos, pero logo son todo fotografías que fago eu.

-¿Imaxínase nun futuro dedicándose a iso?

-Sería ideal poder compaxinalo. É algo que me gusta e, traballándoo, unha carreira de fondo. Se sae algo, benvido.