De volta

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Trouxéronme de Dublín Song of granite, unha película sobre Joe Heaney que é tan incómoda como fermosa. Conta a historia dun cantante tradicional irlandés que naceu nunha aldeíña pesqueira de Connemara. O filme relata a vida do cantor desde a súa infancia ata o final da súa vida.

Heaney nacera nunha aldeíña de penedos chamada Carna, con brancas casas de pescadores, nasas e herbas de namorar. Pola noite xuntábase ao redor da lareira e os maiores contaban historias de medo e fantasía.

Heaney criouse preto de ríos que mudan en lagoas a carón do mar; agudas montañas graníticas que nacen case da ribeira; Heaney criouse tocando o vello granito e remexendo niños de paxaros.

Cando emigrou, fíxoo coma calquera. Primeiro traballou nas minas escocesas, e logo marchou, atrapado na súa soedade, na dificultade de encaixar socialmente. En Nova York, traballando de porteiro dun edificio. Uniuse ao resto da Irlanda ultramarina: xuntábanse, cantaban, facían grandes festas de lembranza da terra. Ao final da súa vida, confesa que quería volver morrer a Irlanda porque a infancia chamaba por el.

Xa se decatarán. Todo nesta historia fala de nós. E esa Carna é cuspidiña a Carnota e non só no topónimo, tamén en sitios como Caldebarcos. Se a tiveran dobrado, cambiado os nomes, dubidariamos da súa orixe. Pero esa é a sorpresa.

En Galicia non hai ningún filme que conte esta historia con sensibilidade. E, sen embargo, penso que ás veces nos comportamos, tamén na cultura, como se xa estiveramos de volta de todo isto.