«Reducir a pegada ambiental é un aforro, unha oportunidade, un reto»

A Fundación UDC trae a Baio «Low Carbon Innovation», unhas xornadas sobre a economía descarbonizada. Explícao o doutor en Economía Aplicada Braulio Pérez Astray

.

cee / la voz

O doutor en Economía Aplicada baiés Braulio Pérez Astray (1961), agora en tarefas directivas na Fundación Universidade da Coruña, é o artífice de que Low Carbon Innovation, as xornadas sobre iniciativas empresarias baseadas nunha economía baixa en carbono, organizadas no seo da Interreg España-Portugal, recalen en Baio o próximo día 19; así como de outras iniciativas que están achegando a actividade da UDC ao rural e particularmente á Costa da Morte.

-¿Podemos dicir que a descarbonización, ademais dunha oportunidade, é xa unha necesidade?

-É un dos retos máis importantes que existen agora mesmo dentro das políticas vinculadas coa mitigación do cambio climático. Entón, é fundamental tanto para as empresas como para os emprendedores que queren poñer en marcha novos negocios verdes. O primeiro que teñen que coñecer é cal é a súa pegada ambiental e de carbono. Ese é o primeiro paso para poder reducila e posteriormente todo o que supón respecto a aforro de custes, mellora de eficiencia,, en definitiva, unha mellor xestión dos recursos.

-¿Ten potencialidades específicas Galicia e o norte de Portugal nesta nova economía?

-É unha cuestión que afecta con carácter transversal a practicamente todos os sectores da actividade económica, pero hai algúns que, dada a configuración estrutural da actividade económica, neste caso galega, pois poden estar moito máis presentes este tipo de actuacións: o forestal, pero tamén todas as industrias vinculadas á explotación do mar e do litoral costeiro e toda unha serie de novas materias que son coñecidas por todos e que sen dúbida precisan deste tipo de actuación de forma urxente, diríamos.

-¿Contaminar menos dá cartos?

-Si, claro. Todo o que sexa redución da pegada ambiental ou de carbono é un aforro de custes nas organizacións, nas empresas e tamén nas Administracións públicas. En xeral, en calquera tipo de organismo. E este aforro o que supón é unha mellora da eficiencia e da xestión dos recursos. Por outra parte é unha oportunidade, un novo reto. Poderíamos dicir que é case como unha ferramenta de márketing porque permite mellorar por parte dos clientes a percepción que se ten da empresa. Tamén dende dentro da propia empresa os empregados poden sentirse máis dispostos a traballar nunha entidade que é respectuosa co medio ambiente. Incide en todo o que é a responsabilidade social corporativa das organizacións.

-¿Quizais o consumidor o estea esixindo cada vez máis?

-Sen dúbida. Ten moito que ver cos novos modelos industriais sustentados na competitividade e no coñecemento. A aplicación de novas tecnoloxías de proceso vinculadas ao que sería a fábrica de futuro: tecnoloxías limpas para a ecoinnovación. Toda unha serie de cuestións que por parte dos clientes cada vez son máis requiridas, o que vai determinar en gran medida que empresas van ser as competitivas e cales van ter que desaparecer do mercado.

-¿É esta unha batalla que ten liderar Europa vendo cal é o contexto internacional?

-O que pasa é que aínda hai que facer. Por parte da Comisión Europea dende logo que hai esta sensibilidade, un pouco máis alá incluso, coa implementación dunha serie de políticas que se reflicten despois no que son as estratexias de exteriorización intelixente, que no caso de Galicia tamén se está desenvolvendo na actualidade. Poderuamos dicir que a Unión Europea debería xogar un papel de liderado nestas políticas, sobre todo tendo en conta as dificultades que teñen noutros espazos xeográficos para implementalas.

-¿Como se explica que é a economía verde e a economía circular?

-Buscar actuacións dende a empresa que teñan que ver co respecto dende o medio ambiente e incidir na mitigación do cambio climático. E tamén pór en marcha toda unha serie de iniciativas empresariais que dende a base teñan en conta xa nos seus plans de negocio, a partires dunha análise tanto técnica como económica, para levar a cabo un novo tipo de actividade, que estea moito máis vinculada co tema ambiental. Esa é un pouco a idea do Low Carbon e esperamos que teña o interese suficiente para que a xente acuda.

-¿Que pode esperar quen acuda o día 19 ao auditorio de Baio?

-A xornada está aberta e principalmente orientada ás pequenas e medianas empresas, de calquera sector, pero tamén público en xeral que estea interesado. As exposicións corren a cargo de expertos nestas materias e de xente que colabora coa Fundación Universidade da Coruña, que somos un dos socios do proxecto que ten que achegalo á sociedade galega. Pensamos na Costa da Morte hai un potencial importante para poñer en marcha este tipo de actividades. Confíamos en explicar sobre todo cales son os beneficios para que a xente se conciencie.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Reducir a pegada ambiental é un aforro, unha oportunidade, un reto»