Hai unha especie de comportamento social moi pouco descrito que eu vivo nas miñas carnes con frecuencia, e que vou contar a partir dun caso real.
Un día chamáronme para unha entrevista nunha radio e puxéronme á espera no teléfono mentres as xornalistas remataban o bloque anterior. Mantiñan unha divertidísima conversa sobre gastronomía viguesa, e cando a remataron, a condutora anunciou a miña entrevista. Escoitei unha voz solemne: «Agora imos poñernos serios porque imos falar do patrimonio cultural».
Se me caera a ribeirense Pedra da Ra por riba non me sentaría peor. Así que decidín cambiarlle paso á xornalista e incei a conversa, para a súa sorpresa, de anécdotas e chistes que demostraban que do patrimonio cultural podíase falar con seriedade e, ao mesmo tempo, con humor. É dicir, podiamos falar do patrimonio como algo tan normal nas nosas vidas como as receitas.
Decateime de que co patrimonio cultural está comezando a pasar o que xa acontece, hai moito tempo, coa lingua galega. Transmítese continuamente un estado de alarmismo que acaba por converter as aparicións en medios en laios continuos, pero ao mesmo tempo os activistas do patrimonio saben que o mellor xeito de saír nos medios é denunciando algunha desfeita.
Se queremos que o interese do patrimonio non quede reducido a unha minoría, como de algún xeito lle pasou á lingua, debemos pular por diversificar as mensaxes. Todos, xornalistas e activistas. Do contrario, chegará un día no que xa non quedará humor do que botar man.