Galos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dunha época xa remota polo a que pasamos moitos, a de ter que levar con regularidade a familiares directos á consulta privada de determinados e prestixiosos médicos de Santiago quedáronme algúns recordos. Un, o tarde que atendían, podendo saír tranquilamente á unha da mañá para a casa, e con sorte, dada a xente que tiña. Outro, o moito que cobraban ao meu modo de ver, porque xa sei que hai que pagar a ciencia e a sabiduría, pero non terá que ser o mesmo se se usan moitos aparellos que se non se usan. Un terceiro apunte é que se pagaba todo en negro. Estou seguro de que agora xa non é así, seguro que se fai con factura, perfectamente documentado. Vamos, ¡seguro de todo estou! Daquela víanse por alí moitos billetes de 5.000 e 10.000 pesetas. Pero o máis impactante de todo é que algúns pacientes chegaban alí cun par de galos para darlle ao médico. Ás veces broméase moito con isto, pero eu vino unhas cantas veces. Por riba do que che cobraban, veña galos! A min dábame vergoña allea, aparte de preguntarme se sería o propio doutor o que os mataría.

No fondo latía ese sentimento tan noso de que, por riba de que pagas, aínda o tes que agradecer. Como cando se daban propinas cando che amañaban algo nun servizo público. Si, xa sei que tampouco se fai, que é pura historia. Pero fíxose.

Nos bancos, nas oficinas públicas, no centros médicos, a relación é distante e ordenada. Hai máquinas, tecleas, sae o código, o teu número, as cartillas (as tarxetas aínda son cartillas) levan a túa información. Vexo xente maior que se manexa sen problemas nesta modernidade. ¡Como cambiou o conto, por fin!