A vaca polaca

CARBALLO

Contaba o venres o xornal inglés The Independent -que eu lía cando era novo e sabía máis inglés ca agora nun pub de Islington, no norte de Londres, mentres bebía unha rubia Tetley’s- o caso dunha vaca que escapara cando a levaban ao matadoiro. Ocorreu no sur de Polonia, cerca do lago Lysa. O caso é que a rubia -a vaca, non a cervexa- marchoulle aos transportistas e tronzou unha rexa metálica, rompeulle o brazo do tipo que tratou de collela, e agora vive na illa do lago á que chegou nadando, uns 50 metros pola auga.

É un fito insólito, que merecería ter aparecido nos principais informativos de televisión. Vexo a foto do animal e só sinto admiración por ela, e entendo as peticións dos veciños para que a deixen vivir. Máis dunha vez lle teño desexado a algunha que fixera o mesmo, cando a vendiamos e á que lle tiña cariño. Iso si, despois de cobrar os cartos. Tería a vantaxe de que non había lago para nadar. Ademais, fano mal: sempre que algunha se nos metía no río tiñabamos que suar para sacala.

Dende moi rapaces coñecemos os contos dos gatos que saben volver á casa por moi lonxe que os leves nun saco. Ou dos cans, pero tamén os hai que se perden. Sei dun que, uns días antes de morrer, tras case 20 anos, ceibouse, foi dar unha volta polo monte e polo mundo, se cadra para ver o que nunca vira, regresou á casa, e pechou os ollos. Das vacas sempre me gustou que, en vez de guialas eu coa vara, guiábanme as máis vellas a min cando iamos a herbais de lonxe e eu non sabía ben o camiño. Mirábanme con certa condescendencia, como dicindo: que torpes son os humanos. A vaca polaca debeu pensar o mesmo.