«¡Looooola, volveu a marcharche o fillo!»

«O deporte trae moitas cousas positivas: valores e leccións que che ensina. Gustaríame que, polo menos niso, o meu fillo siga a senda do seu pai», escribe Pablo Mira


Moitas veces tivo que escoitar miña nai esa frase por parte dos veciños aló polo 76-77. Todos os que me coñecen saben que levo moitos anos dedicados á práctica deportiva a nivel afeccionado. Pero só algúns saben que con só 3-4 anos escapaba da casa co meu triciclo por todo o Chamberín. Só Deus sabe cantas veces tivo que vir o veciño de turno traerme de volta á casa porque xa volvera a fuxir... Por fortuna, as miñas escapadas eran tan cotiás (aínda que só duraron un ano) que xa ninguén se espantaba. Obviamente eran outros tempos.

A rutina retomeina nas vacacións escolares do ano 88, con percorridos da orde dos 40 km diarios e cambiando o triciclo por unha bici que, vista hoxe en día, era pouco menos que prehistórica. Un amigo meu, ciclista e veterinario, bromeaba dicindo que neses anos só había dous tolos do deporte en Baio: el e eu. Nada que ver coa afección que hai hoxe, afortunadamente.

A partir do ano 99 collinlle o gusto a ir de forma habitual ás carreiras pedestres. Por aquelas datas, as máis cercanas eran as de Santiago e Negreira. Logo desas participei en centos de carreiras, duatlóns, triatlóns, travesías a nado, rutas de BTT, etc. Neses anos non había, nin de longo, a oferta deportiva que hai hoxe en día na nosa comarca. Por iso, saír adestrar polo pobo era pouco menos que unha rareza de xente «que non tiña máis que facer». Lembro que a tarde que España xogaba a final do Mundial de fútbol, en vez de ver o partido (o fútbol non me tira nada), saín correr coma decote. E iso que ese día era a festa de San Cristovo!

Practiquei cinco deportes de forma activa: natación, carreira, ciclismo, taekwondo (durante 23 anos, nos que mesmo arbitrei e colaborei na organización dun campionato en Baio co melloriño de España) e, por suposto, xadrez. Ademais de ser o rei dos xogos, unha ciencia e unha arte, tamén é un deporte. Sería precisamente o xadrez a actividade á que máis me dediquei. Aprendeume meu irmán aos 7 anos e debutei en competición no 89 nun torneo en Baio organizado pola AD Su a Agra. Rematei segundo. Ata que o deixei por motivos laborais, no 2007, non parei de fomentar o xadrez en Baio, dando clases, formando equipos, organizando torneos...

Houbo momentos nos que en Baio chegou a haber ata 4 equipos, un deles na primeira división galega. A de dores de cabeza que me daba organizar todo iso! Un traballo extenuante (sumado á miña propia actividade coma xogador en todo tipo de formatos) que debía compaxinar cos meus estudios de química. A iso hai que engadir a organización de 23 edicións do torneo Vila de Baio, que acabou sendo un dos máis lonxevos de Galicia, con gañadores tan importantes coma o derradeiro campión da extinta Iugoslavia, un campión de Arxentina, campións de España... A día de hoxe, malia ter o xadrez moi aparcado por mor do traballo, confío en que o meu fillo, sen eu insistirlle, se afeccione no futuro.

No ano 96, para canalizar á paixón polo baloncesto dun grupo de adolescentes, organicei unha liga comarcal . A Liga da Costa de baloncesto só durou 2 anos pero foi outro esforzo titánico, xa que me viñeron enriba torneos, ocupábame do transporte, de buscar árbitros e dun longo etc.

A inercia do asociacionismo de Baio éche ben curiosa, porque te fai mutar e acabas na comisión de festas a finais dos 90 ou na ANPA, cuns 4 anos moi enriquecedores que estou a piques de rematar.

O deporte trae moitas cousas positivas: saúde, valores e leccións que che ensina... pero tamén a oportunidade de facer amigos cos que, de non ser por iso, posiblemente non terías coincidido. Gustaríame que, polo menos niso, meu fillo siga a senda do seu pai.

DNI. Pablo Mira Pérez. Nado en Baio no 1973, licenciouse en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. No 1997 comezou a traballar nunha academia en Baio, e no 2007 emprendeu unha nova viaxe montando un centro de ensinanza propio. Dende entón compaxina a docencia coas súas afeccións deportivas e unha activa participación social.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«¡Looooola, volveu a marcharche o fillo!»