Dar a nota

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as tendencias deste ano en Fitur, a feira internacional de turismo que se celebra en Madrid, hai unha que non viron nos telexornais: o espectacular medre dos festivais de música, convertidos en eventos cada vez máis diversificados e con públicos moi distintos. Xa non son só para mochileiros. Agora, tamén familias e amigos tiran proveito do territorio por días cando remata a festa, durmindo, comendo e coñecendo a zona.

En Galicia temos uns cantos casos de éxito que desde o punto de vista da comarca nos interesan: o Resurrection Fest, un festival heavy que reuniu en Viveiro o ano pasado case a 87.000 persoas, colapsando (literalmente) a hostalería da Mariña luguesa. Xa ten tanta musculatura que este ano se permiten traer a Kiss, a Scorpions e a Megadeth. O Atlantic Fest, na Illa de Arousa, cun concepto de música indie para familias, moi orientado a praia e música.

E tamén está, próximo a nós, na alameda de Caldas de Reis, o festival Portamérica, tamén co seu punto diferenciado. Neste caso, pop contemporáneo e gastronomía a cargo de chefs do Grupo Nove. Todos son casos interesantes de como vilas pequenas, sen una marca turística de renome, poden converterse en referentes en moi pouco tempo a través de acontecementos culturais de calidade.

Estou convencido de que na Costa da Morte ou no Barbanza, que hoxe xa son canteira de música e de unha chea de grupos, teñen capacidade abonda para entrar nesta liga galáctica dos eventos musicais cunha oferta propia.

Porque hoxe en día, dar a nota (musical) é máis importante que nunca.