A primeira vez, chorei. Pásanos a case todos. Será o balbordo, as luces, a xente, os nervios. O caso é que chorei. Chorei e saín pola tele, porque quen me enxugou as bágoas e me acariñou contra el foi un rei. A primeira vez do meu irmán, chovéronlle caramelos. Non sabiamos ben de onde saían. Chovían do abrigo que a miña nai intentaba abotoar na porta de Raxoi. Porque ía bastante frío. De cativo que era, non dera collido nin un caramelo. Fitaba para eles, sentados, adiviñando que a un non lle gustaba a pescada e que o outro aborrecía a sopa. Sabíanlle os nomes. Como marchaba de baleiro, metéronlle unha boa presada na capucha. Quen se negou a que fora para a casa sen unha soa lambetada foi un rei. A primeira noite, espertei. Convencéronme de que non. E durante décadas crin que tiña poderes de adiviñación. Que tivera un soño premonitorio no que aparecía a casa de Pin y Pon e o encerado con forma de caracol. Que quen me lera a mente durante esa noite fora un rei. A segunda, a terceira, a décimo oitava, a vixésimo segunda, todos e cada un os cinco de xaneiro que fun gardando nos petos, saín. Saín camiñando, en coche. No colo dos meus pais. Saín con botas de auga, con bufanda, con abrigo, con paraugas e sen el, coas luvas postas ou gardadas. Saín para dicirlles que na casa quedaban galletas surtidas e licor. Que lle gardara grelos aos camelos. Que xa cepillara os zapatos. E que quedaban no salón. Saín igual que mañá sairán miles de raparigos. E haberá quen chore porque é cativo. A quen lle haxa que meter os caramelos a presión. Pero o autenticamente real desa tarde non son os reis. É algo eterno. É a ilusión.