O PP provincial insta á posta en valor da figura de Eduardo Pondal

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

No centenario da morte do bardo, o grupo levará a pleno unha moción

20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo popular na Deputación da Coruña levará a pleno unha moción similar á aprobada no Parlamento galego e coa cal demandan a posta en valor da figura e obra de Eduardo Pondal, sendo este 2017 o ano do centenario da morte do bardo. Destaca o texto que o pontecesán é unha das figuras máis importantes da literatura galega, salientando del a obra Queixumes dos pinos, e incide tamén no traballo da fundación que leva o seu nome.

«A Fundación Eduardo Pondal naceu hai nove anos cos propósitos de enaltecer a figura, vida e obra do escritor en particular e da cultura galega en xeral, así como promover a formación global da mocidade e das persoas adultas e o desenvolvemento socioeconómico do contorno rural (...) Desenvolveu ao longo deste ano un programa de cen actividades para conmemorar a morte do autor. As iniciativas foron moi diversas e contaron coa participación de público de todas as idades», expón a moción, asinada polo deputado do grupo popular da Deputación provincial, José Manuel López Varela, alcalde da Laracha. Por iso, e seguindo coa colaboración brindada por Administracións, institucións públicas, medios de comunicación, entidades culturais e sociedades privadas, a moción do Partido Popular remata solicitando o seguinte acordo: «A Deputación Provincial da Coruña, con motivo do centenario do falecemento do escritor Eduardo Pondal, dará continuidade ás iniciativas de difusión e conmemoración da figura e da obra do intelectual, escritor e poeta pontecesán a través da colaboración institucional e orzamentaria coa Fundación Pondal e a cooperación coas distintas institucións e entidades culturais, principalmente coas fundacións de escritores e escritoras do Rexurdimento, para contribuír a impulsar unha programación de actividades continuadas e diversas que poñan en valor o seu legado social».

A RAG conmemora os 110 anos da estrea do Himno na Habana

A Real Academia Galega (RAG) promove para esta tarde un acto literario e musical polo 110.º aniversario da estrea do Himno Galego na Habana. Será ás 19.30 horas, no salón de actos, con intervencións dos académicos Fernando López-Acuña e Ramón Villares. A interpretación musical correrá a cargo de Queiman e Pousa e pecharase a sesión cunha interpretación conxunto do Himno. por outra banda, mañá, ás 12.00 horas, no centro Ágora, inaugurarase a escultura «O piñeiro de Pondal», de Enrique Tenreiro.