Fabas contadas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Días atrás ía todo tranquilo e ufano a vender as fabas á feira. Se hai algunha venda que, dende neno, estou afeito a ver ou facer, esa é a dos pinos (este termo inclúe eucaliptos), a dos cuchos (ou vacas) e por suposto a das fabas. Tocoume, como a tantas xeracións, axudar a levalas á feira de Baio e pelexar para escoller o mellor vendedor, porque cando te vían chegar co coche todos te paraban e había uns cantos. E así, anos. Era necesario relear algo, case un xogo dialéctico; non era o mesmo cedo que tarde, nin daban o igual por todas as clases (obvio), pero sacabamos uns cartiños. Cando teu avó os ensinaba na casa eran como unha lotaría, unha pequena alegría do pobre. E compensaban algo tantos traballos pasados: sementar a man (logo, na sementadora; ultimamente a man de novo); apañar no medio do millo (logo, xa soas); arrincar, estender, secar a diario, mallar, limpar, gardar, escoller, vender. Os novos non saben o que era iso. Nin o que é, que se segue facendo.

Pero ao que ía días atrás. A vender. Xa me quedara mosca o ano pasado cando non pagaban case nada, menos da metade do anterior. Tampouco é que me encante que case non haxa vendedores onde elixir. Chega un momento en que dan tan pouco que é mellor dar ou conxelar. Pero nunca me pasara o desta vez:

-¿A como van as fabas?

-¿Son das brancas?

¿Como que se son das brancas?, pensei. ¿E de cales van ser? Das de toda a vida!

Pois resulta que só mercaba as de cores, que brancas hai de sobra e xa nin se compran nin se venden. E, tamén como o cariño verdadeiro, tampouco hai diñeiro.

Creo que as épocas se nos van das mans así, a traizón.