Corea acaba de disparar outro mísil balístico. A tranquilidade sempre é fráxil e a felicidade é o estado de ánimo máis efémero que existe. Hai persoas e, sobre todo mandatarios, que en vez de botarlle grans de cereal á pomba da paz, ocupan o tempo en encherlle a comedeira aos cabalos da apocalipse. O máis alarmante deste mundo é que haxa tanta xente sen xuízo gobernando a vida de millóns de almas inocentes. Se, en realidade, e sen pretender facer mal, a inconsciencia humana leva ás persoas a facerlle dano aos semellantes, non fai falta imaxinar os resultados de quen persegue o mal directamente. Unha boa parte da humanidade leva toda a historia tentando que a outra parte deixe de magoar á especie. Vemos como ao longo dos tempos se sucederon as guerras e os desastres, orixe de traxedias. Cada un no seu lugar debe facer o posible polo devir pacífico da convivencia. O normal é que as persoas tenten comportarse e quedar ben cos demais. Sucédenos a diario, pero tamén hai excepcións, e non sempre involuntarias. Un domingo destes, gozando dun deses solpores embriagadores á beira do Anllóns, un mozo paseaba cun can ceibo pola senda de Cabana. Hai cadelos que, só con velos, xa poñen medo, e máis se veñen correndo cara un. Este un zafou, pero non unha muller que paseaba un canciño cativo, que formalmente foi atacado polo seu conxénere. Ela botou a correr asustada e berrando. Lonxe de ser calmada polo dono do animal agresivo, foi recriminada polo seu medo con non moi boas palabras. Sorte que, ao final, o can que iniciou a crise atendeu á voz do amo e cada un foi polo seu lado. O dito, cando menos un pensa, vese nunha lea.