Poden estar tranquilos que non lles estou propoñendo ningunha actividade subversiva nestes tempos tan revoltos que corren. Pero reafírmome na idea do título deste artigo: hai que botarse ao monte, e xa. Cos dous pés, co corazón e co cerebro. Temos fermosas paraxes, ancestrais camiños, restos arqueolóxicos, riquezas naturais que explorar en familia. E malia iso, os nosos camiños están baleiros. ¿Como podes estar só, nunha soleada mañá de sábado, nun roteiro ben sinalizado (que os hai)?
Iso é o que me pregunto e, teño que ser sincero, carezo dunha resposta para dito interrogante. Porque a sorpresa é que cando se organiza un roteiro as prazas, case por sistema, esgótanse, coma o outro día cando subimos ao Castelo de Vitres, en Boiro. Organice quen a organice, son un auténtico éxito. ¿Por que preferimos andar roteiros en caravana? En Francia ou en Gran Bretaña, con peores climas, os camiños están ateigados de pequenos grupos. Pero no noso país só transcenden algúns itinerarios como as Fragas do Eume ou a presidencial Ruta da Pedra e a Auga de Ribadumia. A inmensa maioría restante son un fracaso de público. ¿É só unha cuestión de difusión?
Non o creo. Detrás desta alerxia a camiñar pola conta dun hai cuestións de calado cultural, que teñen que ver con como a nosa sociedade considera o monte e a natureza, pero tamén con que tipo de medos traemos doutros ámbitos da nosa vida. É por iso, porque hai un problema turbio e difícil de descifrar na nosa relación coa natureza, é moi san botarse ao monte e curalo entre todos.