Para pasar un rato pracenteiro

José María de la viña varela

CARBALLO

La función de sala del sábado 30 de septiembre corría a cargo de Teatro de la Ciudad y Teatro de la Abadía con «La Ternura»
La función de sala del sábado 30 de septiembre corría a cargo de Teatro de la Ciudad y Teatro de la Abadía con «La Ternura» BASILIO BELLO

«A materia da peza vai do eterno enfrontamento entre o home e a muller, o ying e o yang»

02 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como se dunha caixiña de música se tratara, van desprendéndose as lindas notas que o Teatro é quen de amosar. A caixa é o escenario do Pazo da Cultura, ou se o preferides, o FIOT; e a música de hoxe, chámase La Ternura.

Desta vez o colorido dunha presentación luminosa adobada cunha música ó xeito, contrasta coa sobriedade da peza que contemplamos onte. Disque é unha illa deserta, onde transcorre a historia, aínda que o decorado, con esas enormes teas azuis, non axudan a imaxinala. En calquera caso, a de hoxe parécese máis a teatro que a representación do venres. Mais as súas declamacións son pobres, en canto á expresión, e parece que se empeñan en cantarnos elas e máis eles, unhas e máis outras: demasiado longas, para o que pretenden. Mais é unha linguaxe moi sinxela que o público entende e recibe con satisfacción.

A materia da peza vai do eterno enfrontamento entre a muller e o home; o yin e o yang. E iso, xa se sabe, dá moito, moito xogo. Cun formato shakesperiano, tres mulleres que odian ós homes, poñen pé nunha illa onde, sen elas sabelo, viven tres homes que odian as mulleres... E claro, líase parda. Temporalmente, a narración transcorre, máis ou menos, ó redor do Século de Ouro. Non se disimula o parecido con propostas do insigne autor inglés teatral. Roupas (elegantes) da época, e mesmo entoación de obra clásica. Ata parece (que non) que falan en verso. Equívocos e enganos, onde o espectador está de volta, e que espertan nel, emocións agachadas.

O discurso transcorre con fluidez, malia que ás veces, fagan gala de monólogos extensos, cunha grande ostentación de memoria, e de nomes e sinónimos de cousas (como, por exemplo, os alimentos). Tamén, de cando en vez, algún personaxe semella histriónico ou sobre actuado. Desde logo, así de comezo, o humor semella infantil, inxenuo. Non podo evitar pensar na tendencia dos autores da época, en presentar textos de fácil dixestión, para un público sen grandes coñecementos, pero con ganas de se divertir. E o tema e as formas, dan xogo para tal cousa. Ata aquí, o observado desde a miña butaca non deixa de ser unha peza un tanto sinxela de máis, e pouco pretensiosa; sen que vexa eu que poida ir a máis, dado a pobreza da interpretación. En fin, dáme mala espiña...

Errado que estaba eu. Pois unha virtude da obra pasábame desapercibida: vai a máis no seu contido gracioso, ata rematar nuns diálogos de vertixe, acompañados dun incremento de movementos e situacións (ausentes, con anterioridade), que melloran o ritmo, realmente hilarantes que engaiolan ó respectable, e arrincan da sala gargalladas e algúns aplausos.

Axudados pola nosa cómplice imaxinación, asistimos e compartimos internamente as emocións, as arelas e sentimentos dos protagonistas, nun tema que todo o mundo domina: o amor, a atracción entre homes e mulleres, a tenrura, as caricias... todo dentro dunha atmosfera de fantasía, e algo máxica.

Coido que foi un traballo bastante digno do seu realizador, Alfredo Sanzol. Esta comedia atemporal, deixounos un pouso agradable, un teimudo sorriso nas nosas facianas, que cumpriron co que se esperaba dela: facernos pasar un rato pracenteiro. Ó remate da función, aplausos e algunha parte do público, agradecido e posto en pé. O dito: pasámolo ben. E diso se trataba, ¿non vos parece?