O dereito á información

José Rodríguez Cabeza

CARBALLO

O piar fundamental no que se asentan as democracias avanzadas son os medios de comunicación social que traballan, dentro dunha case sempre rigorosa ética xornalística, baixo os principios do que, o cando e o como, de aí que sexa unha das profesións máis complexas. Sen embargo hai outro principio que non se usa tanto, o quen, que, incluso, está castigado nas Administracións públicas. Vexamos.

O xornal catalán el Periódico publicou unha nova que, como todos agora coñecemos, informaba de que os Mossos tiñan recibido unha información da CIA alertando dun posible atentado que logo se materializou. Loxicamente iso foi comunicado por vía interna na escada de mando correspondente e logo transmitida aos conselleres do ramo. O quid desta polémica está en se ese xornal debería ter publicado esa información no momento puntual ou se, polo principio de prudencia non alarmista, non dar cábalas do asunto. Ben, aquí estamos diante do cuarto principio ao que me refería, o quen.

Na estrutura do poder executivo español aínda temos sen arranxar dúas posicións doutrinais enfrontadas, o poder administrativo e o político. No caso que nos ocupa, se esa información debería ser competencia da estrutura policial catalá ou se era unha competencia exclusiva do goberno de Cataluña e, por extensión, dos demais gobernos que abundan no noso chan patrio. Pois ben, a doutrina imperante anula a capacidade dos funcionarios de dar publicidade dos asuntos que coñece por razón do seu cargo, aínda que entenda que se están a cometer tropelías. E así nos vai.