Unha trintena de entidades están convocadas a participar nun encontro no Couto
24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.
Os actos programados para conmemorar o primeiro centenario da morte de Eduardo Pondal están a piques de chegar ao seu fin, pero antes de rematar haberá tempo de ser partícipes aínda de convocatorias de gran calado e cargadas de simbolismo como a que terá lugar hoxe na aldea pontecesá do Couto.
A sede da fundación pondaliana servirá de escenario dun encontro das casas museos e fundacións de escritores de Galicia que terá por obxectivo tanto lembrar e homenaxear ao Bardo de Bergantiños como facer un achegamento entre as distintas entidades e unha posta en común dos problemas que sofren e comparten.
Os participantes
A convocatoria está asinada por responsables das fundacións Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez e os destinatarios son unha trintena de entidades de toda Galicia: as fundacións Emilia Pardo Bazán, Luís Seoane, W. Fernández Flórez, Camilo José Cela, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester, Manuel María, Uxío Novoneyra, Vicente Risco, Losada Diéguez, Ínsua dos Poetas, Carlos Velo, Filgueira Valverde, Illa Couto, Penzol, Neira Vilas, Carlos Casares, Plácido Rodríguez Castro e López Abente; as Casa Museo Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Francisco Fernández del Riego, e Francisco y Julio Camba, ademais da Casa da Troya, a Casa Natal de Valle Inclán, e o Museo Valle Inclán.