«Fixemos as cousas con responsabilidade e criterio»

La Voz

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

O popular José Muíño Domínguez, veterinario, é alcalde dende o ano 2003

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Muíño Domínguez (A Pedra, Nantón-Cabana, 1969), veterinario de profesión, é alcalde dende o 2003.

 -¿Como se está a desenvolver o mandato municipal?

-Ben. Quero agradecer a tranquilidade política que se vive en Cabana. Pode haber discrepancias, pero sempre houbo, e hai moito respecto, e iso, como, alcalde quéroo agradecer.

-¿De que está máis satisfeito?

-Temos un Concello con débeda cero. Iso permítenos levar a cabo investimentos para os veciños. Este ano dedicaremos, entre orzamento municipal e plans da Xunta e da Deputación, un millón de euros a obras, que se di moi pronto. Estamos cun proxecto de aforro enerxético, que remataremos antes que finalice o mandato e esperamos que sexa antes. Aforraremos na factura 150.000 euros ao ano, que se poderían investir en máis obras. Pese a ser un municipio pequeno ofrecemos moitos servizos, algúns deles que non teñen concellos da contorna. Creo que fixemos as cousas con responsabilidade e criterio.

-¿Que balance fai do plan para impulsar Dombate e A Cidá?

-Dende que o Concello leva a xestión de Dombate pasouse de 18.000 visitas a 26.000. Levamos a cabo un ambicioso plan de promoción do dolmen, con actividades paralelas como talleres para pequenos, concertos, Días da Bicicleta... Logramos que Dombate e Borneiro sexan promocionados polo boca a boca.

-O polígono segue sen saír adiante.

-Foi unha mágoa que a crise paralizase un proxecto moi ilusionante. Tiñamos, e temos, esperanza de que saia adiante. Agora temos que aprobar o plan xeral, esperamos telo listo entre mediados e finais do ano que vén e, a partir de entón, retomaremos o polígono. Mentres que eu siga de alcalde intentareino sempre, sexa por fases ou como sexa, pero que se leve a cabo. Temos agora unha gran opción para desenvolvelo como é a autovía.

-No PSOE critícanlle a suba de impostos, en especial do IBI.

-Non puiden acometer a rebaixa antes porque me faltaban secretario e interventor. Agora podo dicir que en xullo levaremos a pleno a proposta de rebaixar o IBI urbano do 0,45 ao 0,4, o mínimo que fixa o Goberno.