Presidente

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

23 may 2017 . Actualizado a las 21:23 h.

Carlos Casares, durante toda esta torrenteira das Letras Galegas, os amigos lémbrano como Carlos e os estudosos e os políticos, como Carloscasares, así, todo xunto.

Pero o apelativo co que sempre me dirixín persoalmente a el é ben diferente: presidente, así, sen artigo, e sen señor diante, que é a fórmula protocolaria. Por exemplo: «Presidente, fíxese nisto».

Así que pertenzo a un grupo moi reducido de persoas en Galicia, os técnicos do Consello da Cultura Galega, para os que Carlos Casares non foi amigo, nin escritor, nin editor, nin opinador, senón presidente, ou sexa, xefe máximo. Presidente da terceira institución do país, despois do Parlamento e a Xunta. Porque iso é o Consello da Cultura Galega. Que non é pouco.

Convivín con Carlos Casares na presidencia os meus primeiros tres anos de vida profesional, eu levando temas de comunicación da casa. Era un home pequeno, afable, un pouco despistado, máis serio do que aparentaba -gañaba humor nos púlpitos e nas mesas- e do que se aprendía moito.

Visión sobre o mundo

Sabía como xestionar os liderazgos deste país -dando xogo, sabéndose rodear de capaces e sendo moi prudente- e tiña unha visión sobre Galicia e o mundo.

O homenaxeado nas Letras deste ano disfrutaba con canto cacharro informático había, e sabía que Galicia e o galego tiñan que estar na vangarda do mundo dixital.

Hoxe todos lembramos a obra literaria. Pero asegúrolles que Casares deixou publicadas moitas grandes obras que nunca chegou a escribir.