«O primeiro compromiso que implica este galardón é cun mesmo e coa xente»

f. r. / p. b. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xesús Búa

Este ano, a escritora ceense Concha Blanco é a Boa e Xenerosa da casa, por así dicilo. A de máis preto.

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano, Concha Blanco é a Boa e Xenerosa da casa, por así dicilo. A de máis preto. A escritora ceense xa tivera valorado hai cousa dun mes o que para ela significaba este galardón da Fundación Pondal, e así o fixo tamén hai uns días en Radio Voz. En primeiro lugar, supón compromiso. Inicialmente, cun mesmo, contou: fidelidade aos principios, ás ensinazas e valores que lle chegaron. Tamén, compromiso «con toda esta xente que confiou en min».

A relación de Concha Blanco coa asociación Monte Branco, matriz do que hoxe é a Fundación Pondal, vén xa de hai moito tempo. Lembra que aínda eran as súas nenas pequenas cando comezaron a ir «á festa das letras» ao Couto, tanto ela, en calidade escritora, coma o seu home, en calidade de artesán, expoñendo as súas tallas. Dende aquela chegou outro ano máis, e outro, e outro, e así ata o de agora, cando aínda seguen estando aí. Só faltou cando as circunstancias o impediron. O premio foi unha sorpresa -de feito, inicialmente pensaba que só estaba nominada-. Ten no seu caso o matiz especial da proximidade, algo que ela sinala sobre a fundación pontecesá, o feito de que teña a calidade de buscar que a xente da zona teña visibilidade. «Son persoas dadivosas», sinala. A semana que entra será sumamente especial, porque este vindeiro sábado celébrase Gala do Libro Galego, e a súa obra Será correcto?, escrita conxuntamente coa súa filla, María Canosa, está nominada a un dos galardóns. Máis alá de cal sexa o resultado final, asegura que o feito de estar xa aí «é un premio». O fío da escrita nunca se deixa e, de feito, Concha xa anda con algo entre mans. Di que, ao non ter moitas outras afeccións, ten que cultivar aquela que a caracteriza, a da lectura e a de escritura. Avanzando algo, a prolífica autora natural de Lires anda tecendo un libro de relatos sobre como era a vida social e diaria dos anos 50, nas aldeas. Hoxe, por suposto, estará no Couto.