Vou ir a contracorrente. As normas urbanísticas, o marco legal que regula o que podes ou non podes construír na túa parcela, é moito máis sinxelo do que parece. Se a túa casa non está afectada por Patrimonio, por exemplo, quizais as normas que deciden alturas, dimensións, etcétera, resúmense a tres ou catro folios. Súmanselle un par deles por temas, por exemplo, de seguridade ou electricidade. Non é tanto, ¿eh? Cústanos bastante máis o carné de manipulación de alimentos ou o de patrón de embarcacións de recreo e non protestamos. Ata me atrevería a dicir que as normas, mesmo na linguaxe farragosa das leis, son abondo claras.
¿Que acontece entón? ¿Por que lles temos pánico? Porque o deixamos en man de especialistas. De intermediarios. O teu intermediario pode ser un tipo sensato e responder ás túas preguntas de acordo á lei, cun si ou cun non. Pero tamén pode estar interesado en crearse un espazo propio de poder e coñecemento no que é difícil entrar. Por suposto que precisamos especialistas. Pero a pouco que abras os ollos, cando chegas ao mundo das obras, decátaste do chiringuito que está creado, conectando con complicidade de administracións e de profesionais do ramo.
Un mundo de cifras sempre redondas, de problemas aparentemente insuperables que se solucionan cando mencionas artigos concretos das leis, de subvencións que só benefician aos intermediarios e nunca a ti. Fáganme caso. Se se meten en obras, dediquen un par de tardes a lerse as leis orixinais. E logo fáganse os parvos cando consulten. Van alucinar.