Calquera celebración organizada polo movemento veciñal e o asociacionismo traerá moita máis satisfacción ca unha festa que a Administración lle outorga ao pobo, emulando a Deus na entrega das táboas da lei. Cando o Concello organiza un evento non hai posibilidade de discutir as santas escrituras, o pobo convértese en Moisés e acepta a festa tal cal lle chega, non a asume como propia e o único camiño que lle queda é o do pecado, isto é, facer unha folga da festa ou acudir só pensando na recompensa económica.
Desde a asociación Lucerna reivindicamos o pecado, sobre todo desde o día no que os paxariños casan, se abre a veda dos chascos e o caos comeza a deconstruír a rutina da vila. Queremos que toda a vila sexa pecadora, mais non por omisión deixando de participar no entroido. Animamos a todas as veciñas e veciños a pecar por obra e por palabra, pedímoslles que se involucren na festa da carne e que poñan o concello patas arriba. As revoltas sempre funcionan mellor cando a base da pirámide se pon a traballar colectivamente para invertela, lanzarse ao gozo carnal e encher a vila de choqueiros.
Como tantas outras festas, o entroido é unha celebración na que a colectividade traballa conxuntamente, creando sinerxias e mellorando as críticas e as burlas ao poder. O Concello tamén cabe na colaboración e no patrocinio, coma no noso caso, mais o peso organizativo ten que recaer no pobo. Cada quen colabora co que ten: os bares con litros e litros de viño, o comercio cunha manchea de pesos, as panaderías con roscas de luxuria, o Concello dándonos acubillo baixo a carpa, as pandeireteiras e os gaiteiros con música…
O noso entroido non é unha competición; non hai premios ao mellor disfrace ou comparsa. É unha festa viva, comunal e pecadora, onde se fomentan as relacións entre a veciñanza e caemos no pozo da gula degustando as filloas de veciñas coma Fátima ou Digna. Choc, choc, choqueiras!