A importancia de xurdir e traballar dende a base

Xosé Mª Varela XERENTE DA FUND. PONDAL

CARBALLO

Como na vida mesma, hai que ir pasiño a pasiño. O xastre, como dicía miña nai, aprende a conta do pano. No caso da entidade Eduardo Pondal, chegamos a unha fundación logo de empezar a queimar, por así dicilo, o cartucho de partir dun movemento asociativo de base. É dicir, trátase dunha fundación onde o funcionamento é moi similar ao que pode haber nunha entidade veciñal ou cultural. Por tanto, falamos de moito traballo de canteira e da implicación de moitas persoas, sendo moi necesaria para chegar aquí unha cuestión principal: ter ganas de facer cousas. A xente que chegou a nós coa fundación son patronos, mais nós mesmos lles chamamos «patronos proletarios». Sobre todo, na Fundación Eduardo Pondal estamos intentando, como vía de futuro, darlle participación á xente nova, xente que tivo unha formación, que ten outra maneira de mirar as cousas. Xa non é un proxecto de principios de asociacionismo, senón intentar beber doutras fontes: novas tecnoloxías, novas olladas... Xente moza que, chegada á fundación, supón un sopro de aire fresco. Para nós, unha fundación é un proxecto diferente. É o paraugas dunha serie de entidades do movemento asociativo. Digamos, pois, que non veu creada dende arriba, senón que veu creada dende a base. É o paraugas que protexe a todos eses movementos: festivais, música tradicional, coral, a asociación Monte Branco... Funciona como un paraugas protector. Así, cando viamos as posibilidades de financiamento das nosas entidades e viamos tamén que languidecían, intentamos que a fundación fose un recurso novo, aínda que non sempre sexa así. As cousas son caras e custosas, difíciles de facer, e máis cando non se ten persoal traballando, como é o noso caso. Todo o que se fai aquí facémolo nós, a veces ata a limpeza, ademais doutra serie de cuestións nas que hai persoas que se implican desinteresadamente. Poida que sexa difícil, porque unha entidade soe ter cargas relacionadas e coñezo outras fundacións, similares á nosa, que si teñen un gasto anual tremendamente grande. Din de nós a veces que somos moi activistas: quizais precisamente por iso, porque aproveitamos o movemento de base. Dentro duns días, xente moza responsabilizarase do acto central do centenario da morte de Pondal. Hai mozos e mozas bos, xenerosos e moi aplicados. Non soemos ter moita dificultade á hora de poñernos de acordo nas proposta. Tiramos para adiante, e punto. Esa é, tamén, unha das claves.