«Frankenstein»

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Que mediño! Non. Que risas! Frederik Frankenstein, o neto do famoso doutor Frankenstein, acaba argallando unha historia de amor. Se ben renega do que seu avó fixo, como recibe a súa herdanza, acaba facendo o mesmo có vello, pero con resultados, digamos, diverxentes. Ou o que pode ser igual, un disparate polo que a xente ri a cachón por momentos. Marco Álvarez, coa súa cara dos mil xestos, non ten moito éxito creando monstros, pero non se lle dá mal o conto de domesticar ao público. Badius volveu a conseguilo. Unha vez máis, como aquel vello pianista. Outra vez, e van case 37 anos. Hai xente que nin cobrando consegue o que Ricardo Vigueret, Alberte Villar, María do Carme Fernández e todos cantos durante case catro decenios levaron a bandeira da escena en Badius. Levan toda unha vida dando o seu tempo libre á sociedade. Eles son de comedia, pero emociona. Hai que ser ben xeneroso para ir formando, ou o que sexa, a ducias e ducias de actores. En realidade, a medio pobo. Quen non fixo teatro en Baio ou nos arredores? O que non quixo.

Volvendo ó Frankenstein, o monstro non é perfecto, e é ben peludo. E graúdo, tamén. Raúl González acaba convertido no que non parece. E de José de Bety, o clown oficial?: hai quen parece que naceu para o escenario. José de Bety, nada máis asoma enriba das táboas, xa estalan as gargalladas. ¿E non debería dedicarse a iso? Hai xente que se gaña a vida no mesmo e con ben menos talento. Canta tolemia fantástica e traballo hai detrás de tanta tremoia e espectáculo. Non sei que pensará Frau Brujer, pero conviña non esquecer de recoñecer a Badius como patrimonio comarcal.