Nunha recente película italiana, os partidos políticos escollían por erro a un paisano «normal» como presidente da República. Un tipo campechano que iniciou unha revolución de honestidade. Regalaba gran parte do seu soldo, pasaba noites no hospital animando a nenos con cancro e acollía aos indixentes no interior do pazo presidencial. Un día o home atopa documentación que involucra na corruptela a todo o Parlamento e decátase de que pode derrubar a República e comezar de novo. Pero cando se dá conta de que el tamén ten familiares e amigos implicados con pequenas corruptelas, decide destruír as probas e dimitir.
Os últimos sucesos políticos -do nivel municipal ao estatal- dan a entender dúas cousas. A primeira é que se decides ir contra o sistema, prepárate para soportar un custe persoal difícil de aturar. Porque a todos e a cada un de nós, se nos investigan e, sobre todo, se enfocan os resultados da investigación dunha determinada maneira, podemos aparecer como culpables para a opinión pública. E segundo, porque sabendo isto, non é intelixente construírte como alternativa pretendendo dar clases de ética e de moral.
Aínda que sexa máis doado, máis televisivo, te faga parecer o máis chulo do Twitter e o máis malote do Parlamento, os discursos hai que construílos máis desde o que ofreces ti que desde o que criticas ao outro.
Porque nada soa máis rancio e clasicón que falar mal do contrario cando un tamén ten polo que calar. Xa o dicía a miña avoa: «Predícame, meu frade»!.