Hora de entrada

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

02 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxinen: unha destas calas do Barbanza de area branca, mar esmeralda, os piñeiros e loureiros destilando unha fragrancia suave coa calor morna da primeira tarde. Unha praíña que os turistas non coñecen, con augas de temperatura asumible por seres humanos. Un lugar máxico ao que van parellas ou persoas solitarias para descansar en paz.

Pero chegan un par de parellas cunha pitbull. Xa saben, un destes cans «que non morden», pero que se botan a cada persoa que está nas proximidades. Por suposto, a pitbull chámase Lúa -parece que está prohibido poñerlle outro nome ás cadelas da comarca do Barbanza- e non debera estar aí, pero está. Non é o peor. O peor é escoitar aos seus donos.

Os tipos vanse pasar tres horas a berros na praia solitaria opinando sobre a hora de entrada dunha casa de turismo rural. Agóbialles que van facer se chegan antes ao lugar e non poden entrar. Vese que o turismo cultural, o sendeirismo, coñecer a comarca na que están, non son opcións para eles.

Tres horas. Chaman á casa rural para reservar, insístenlle na hora de entrada, colgan e continúan unha hora máis versionando o mesmo tema. Durante a sesta, a voz daquel mimá taládrame a cabeza repetindo «hora de entrada» sen parar.

Cando marchamos da praia, metémonos polos vieiros que nos levan ata o aparcadoiro e alí vemos, no medio dunha espesa paraxe forestal preciosa a rentes do mar, a outro grupo de rapaces cunha fogueira prendida, no medio de agosto. Confírmoo: a Humanidade está a piques de extinguirse por sequía neuronal.