Estrelas

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial PICO DE MEDA

CARBALLO

Anos atrás, non moitos, a contemplación só se reservaba aos ascetas e os ricos. Impensable pasar longo tempo mirando cara o mar, ou subir un monte para deleitarse coa paisaxe, ou buscar as noites claras para gozar coas estrelas. E moito menos en público! Só se miraba cara diante, sobrevivir no día a día, e non había maior delicia que ver seguridade familiar e persoal e certa fartura.

Por sorte, as cousas cambian. Xa hai. Miramos o océanos, os vales, os ríos. Facemos longas camiñatas polo benestar físico e mental. E ollamos o ceo. Menos do que debéramos, pero mellorando. Aí está a ruta que cada ano se fai en Borneiro, que xunta máis xente que boa parte das nosas parroquias. Ou a que houbo o outro día pola autovía láctea. Ou a do Pico de Meda (como a de Cabana, guiada por Jorge Mira), con preto de 200 asistentes para ser a primeira vez que se levaba a cabo, e malia as alturas (case 600 metros) e o (menos do esperado) frío.

Haberá máis así. Seguramente Zas repetirá e outros uniranse. Debera ser obrigatorio asistir. Así é como se entende de verdade o funcionamento dos cosmos, tan científico, pero tan máxico. Decatarse de que os átomos dos que estamos feitos naceron no ventre das estrelas, das que nos chega a súa luz, pero a saber se moitas delas xa estouparon hai milleiros de anos.

Dende o Pico de Meda tamén se ven as luces das parroquias, creando outra bóveda terrestre. Hoxe parece unha tontería, pero ata hai 30 anos iso non era posible. No 87 construíron a actual estrada para ir ata o cumio, e no 86 chegou a luz pública a moitos lugares. Foi se cadra nese momento cando moitos empezamos a mirar doutro xeito.