Un grupo de veciños pediu ao arcebispo en 1866 que a capela substituíse a Borneiro como sede de parroquia
20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Fermosas paraxes feiticeiras onde se celebran nestes meses de verán festas e romaxes relixiosas moitas hai e variadas na nosa bisbarra. A romaría do Carme do Briño en Borneiro, que se celebrou estes días, é unha delas. Non é competencia menor a que lle fan á ermida e á súa contorna dous emblemas do patrimonio de Galicia toda: a Cidá e Dombate. Aínda así, o lugar segue a ser dos máis encantadores de Cabana: carballeira, braña, fonte santa, muíño, cruceiro e interesante capela; e ata tiña antigamente un pequeno hospital para a curación dos fieis devotos. Non parecía menos atractivo o lugar para os devanceiros da parroquia, como imos ver.
Corre o mes de xuño de 1866. En papel timbrado, un grupo de veciños elevan ao arcebispo de Santiago unha peculiar proposta. Encabezando o escrito, quizais o promotor da iniciativa, un dos veciños máis acomodados, a xulgar polo tratamento: Don Ignacio de Pazos Miranda. Tras el, Pedro Amado, José Pardiñas e Francisco Senande Cardezo. Non son os únicos: no remate da carta elevada ao prelado compostelán, ata vinte cinco veciños apoian a iniciativa: Baltasar Pazos Fernández, Francisco Pose y Leis, Manuel Pazos, Andrés Pazos, Juan Pereiro? Os que saben asinar, asinan como poden, cuns trazos que revelan a miseria e o analfabetismo da Galicia rural do século XIX; os que non, teñen a outros que asinan polos que non saben. Todos -só homes, desde logo, pais de familia, patrucios- subscriben a carta como «vecinos y habitantes de los lugares de Dombate, Gandra, Briño y Vistalegre, que son los que componen la mayor parte de los feligreses, de esta parroquia de San Juan de Borneiro».
Petición
Do documento inédito que nos ocupa, conservado no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, deducimos que as autoridades eclesiásticas realizaran recentemente unha santa visita pola parroquia de San Xoán de Borneiro, inspección na que puideran comprobar «el plan que las situaciones de ambos edificios reúnen y la diferencia en lo principal de ambos templos». Refírense os solicitantes, obviamente, á parroquial de Borneiro e á ermida do Briño.
Mais a petición non ten por obxecto reparar os templos, que nestes tempos estaban moi a miúdo en estado lamentable, máxime en parroquias tan pobres como Borneiro. A maioría da veciñanza aspira a unha decisión de maior transcendencia: «Que hallándose la capilla del Briño muy a propósito y más céntrica que la iglesia de Borneiro, por hallarse esta a un extremo, se digne declarar por parroquial a la primera, como de mayor utilidad y ventaja a los habitantes». Só os lugares máis próximos á parroquial parecen non apoiar, obviamente, a idea: Borneiro, Vilaseco e A Fontefría.
Argumentos
Os peticionarios argumentan a súa solicitude: «La capilla del Briño, después de hallarse en la mejor situación de la parroquia, es en la que cada año se celebran las cuatro funciones o festividades, a saber: a San Antonio, Carmen, Virtudes y San Roque». Por esta carta sabemos que xa a mediados do século XIX era moi concorrida a romaxe do Carme: «El concurso de gentes que de varias partes viene el 18 de julio a la romaría del Carmen parece debía llamar atención de los señores curas, en tener el edificio con más limpieza y aseo, el blanqueo, el colateral principal, reformar la torre y ponerle campanas, a propósito». Se tan mellorable era o estado da ermida que os veciños desexan como parroquial, podemos imaxinar como estaría a igrexa de San Xoán.
Mais o problema é o de sempre, os párrocos non teñen cartos: «Pero como no pueden aplicar a esta capilla lo economizado en la dotación del culto mientras no se declare parroquial, he aquí la causa de tenernos sepultada esta magnificencia». Non é esta unha palabra insignificante: os veciños son conscientes da magnificencia do templo do Briño, é dicir, do seu valor artístico, patrimonial e incluso quen sabe se paisaxístico.
Alégase tamén que «esta parroquia no tiene casa rectoral, por cuya razón los curas en propiedad, ecónomos y capellanes que la han regentado, vivieron en posadas y fueron de poca permanencia». En efecto, así o demostra a carta do párroco Manuel Antonio Pose -natural de Cesullas-, que tiña que vivir «en casa de un labrador sin poder tener a su disposición una mera caballería». Non estraña, por tanto, que solicitara en 1845 o destino vacante de San Tirso de Cospindo, parroquia natal de Pondal. Logrouno e en calidade de reitor defendeu ao poeta ante o arcebispo no complicado asunto do Brindis de Conxo.
División veciñal
Como cabe supoñer, a petición non é apoiada por todos os borneiráns. Nunha carta asinada cinco días máis tarde, dez veciños encabezan a súa propia misiva ao arcebispo para desestimar a idea do promotor, xa que esta respondería aos seus propios intereses. Grazas a esta segunda carta sabemos que é «agrimensor» (medidor de terreos, perito) e ademais reside en Dombate, é dicir, preto do Briño. «Semejante pretensión no merece ni puede tener acogida; la tal capilla no reúne las condiciones precisas para servir de parroquial», alegan. E conclúen: «Si Pazos Miranda no fuera egoísta, de seguro no hubiera dado semejante paso, puesto que sabe que la lamentable situación del pueblo no permite hacer los crecidos desembolsos consiguientes a tan cavilosa traslación. Y que, a permitírselo, debieran emplearse con preferencia en proporcionar una buena casa rectoral por cuya falta dejaron de permanecer algunos curas, cuya memoria permanecerá grabada en la mente de todos».
É evidente que, como perito (condición moi respectable entón), goza de certo liderado na freguesía, como avala o feito de que anos antes, en 1852, enviara tamén outra carta ao arcebispo denunciando as relacións adúlteras e escandalosas entre dous veciños e os incumprimentos pastorais do cura, empeñado en misar ás sete e media da mañá.
Fronte á austera e deteriorada parroquial, ao pé do monte Castelo e algo máis afastada dos lugares máis poboados, en torno á feituca capela do Briño despregábanse os encantos espirituais da devoción e da arte? e os terreais (e carnais) da festa. Demasiados e necesarios encantos para aliviar as vidas difíciles e míseras dos borneiráns de mediados do século XIX.