Nunca é tarde cando a dita é boa

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

CARBALLO

alia non pertencer de facto ao noso refraneiro popular, a vella paremia Nunca é tarde cando a dita é boa pódenos servir agora para arroxar algo de luz sobre algúns anómalos misterios, en ocasións estrañamente espurios, que adoitan acompañar determinados comportamentos no ámbito político. Acabamos de saber que por fin, e despois dun sospeitoso silencio, o concello decide dar un paso adiante póndose de lado dos veciños no polémico conflito da restauración da igrexa de Santa María das Areas, o primeiro e principal monumento histórico e patrimonial do noso municipio. Que o concello se sume á mediación impulsada polo CSIC é unha boa noticia. Un pequeno paso para o home, pero un grande salto para a humanidade, que diría Neil Armstrong.

Sorprende un pouco que esta decisión, que non é outra cousa que un acto de sentido común alén dunha oportunidade para sumarse ao carro e, de paso, unirse ao clamor dun pobo indignado perante semellante atentado, chegue coma quen di ás dez de últimas. E iso que a retirada da pintura augamariña e de toda a chafallada realizada polo iluminatis e os seus compinches no templo foi instada, como é sabido, non por catro indocumentados senón por técnicos e expertos en restauración do patrimonio, tal e como quedou demostrado no seu día no contundente informe emitido polo prestixioso comité de sabios do ICOMOS. Falta saber agora cal vai ser o grao de compromiso real dos nosos representantes políticos -se é que existe de veras e non se trata só dun lavado de cara propio do período preelectoral- unha vez que se pronuncie o arcebispado compostelán, que o fará.

Afirmar de boas a primeiras e sen coñecemento de causa que o devandito ente eclesiástico se nega a participar per se no proceso de mediación é pouco menos ca un insulto á intelixencia humana, impropio de quen ostenta algún tipo de responsabilidade na acción de goberno. Este tipo de declaracións tan á lixeira, que poden dar lugar a confusións innecesarias, convén evitalas no posible ou circunscribilas ao ámbito da dialéctica plenaria, do debate e da retórica dogmática, partidista. Ao fío deste asunto veume á cabeza un coñecido fragmento de El Quijote no que o enxeñoso fidalgo exclamaba con desdén: «Con la iglesia hemos dado, Sancho» e ao que este respondía: «Ya lo veo, y plega a Dios que no demos con nuestra sepultura, que la casa desta señora ha de estar en una callejuela sin salida». Agardemos que a pasaxe literaria cervantina non teña o seu reflexo metafórico na casa común dos fisterráns nin no seu milenario patrimonio, tan rico e prominente como historicamente maltratado polas distintas administracións encargadas de velar polo seu coidado e a súa necesaria protección.