Hai anos vivín unha curiosa historia durante unha conferencia sobre o cambio climático que James Lovelock, o famoso autor da «teoría de Gaia», impartiu na USC. Lovelock dicía que o cambio climático é inevitable e que a vida vaise volver moi dura.
Ao rematar, un indignado pai increpou ao científico porque esas cousas non se podían contar así en público, con nenos diante, que os puñan tristes. Lovelock mirouno friamente e encolleuse de ombreiros. Con educación, díxolle que ese non era o seu problema.
Non nego que Lovelock ten un aquel a Sheldon Cooper, o personaxe de The Big Bang Theory incapaz de prever as respostas emocionais da xente ante afirmacións duras, pero a anécdota ilustra a confusión ao redor da cultura e o seu público: un pai esixindo con descaro a unha eminencia mundial que transformara o seu discurso para que o seu rapaz puidera durmir tranquilo.
HDurante os recortes, os Concellos eliminaron o investimento en cultura de maneira asimétrica, suprimindo as accións para adultos e preservando -ou potenciando- as actividades infantís, que no canto de contentar a un fano a tres (fillo e pais) e por riba non crean polémicas.
Coa chegada do verán, este fenómeno é aínda máis acusado; as programacións culturais son só infantís. E de aí a confusión de moitos pais, que pensan que as bibliotecas son garderías e os obradoiros de natureza parques de recreo, e de moitos edís que cren que a única cultura posible é aquela dirixida ás crianzas. Pero miren, tamén os adultos temos algo de nenos.