Pérdeseme na memoria a primeira vez que acompañaba ao avó ou á bisavoa a levar a vaca ao boi, que en realidade, por motivos obvios, era touro, pero a linguaxe é como é. Levar a vaca ao boi é unha expresión que forma parte da identidade galega, como ir apañar a herba, ir ás verzas ou deixar a roupa a clareo no herbal. Pero tamén é unha práctica que en tempos era común, incluso na época dos centros, eses cubículos con chapa e moita bosta a onde viña o veterinario poñer a semilla un ou dous días por semana. Incluso cando xa o veterinario viña ás cortes propias a facelo, guiándose por sacas de 15-15-15 vermellas que lle marcaban o camiño como o pan de Pulgarcito.
O boi. A min tocábame ir ao do Vento. Fermoso nome para levar unha vaca a empreñar: ímola levar ao Vento. Ocorre que este é o nome dun lugar de Anos, preto dos Anles e da Margarida, tamén bonitos topónimos, ambos. Eu, ao principio, ía coa mesma cara de contrariedade que a vaca, como pensando a onde raios imos por estes camiños do monte que seguramente aínda se manteñen. Incluso me daba certo respecto: un boi é un boi! A ver como reacciona ao ver á xente.
Pero, tras acudir varias veces, cheguei a collerlle algo de cariño ao animal. O que me tocou ver era manso, tranquilo, con cara de pensar que prefería estar pastando fóra á súa bola e non verse obrigado a cumprir a horas inesperadas. Así quedoume a imaxe de seres tranquilos, que se deixaban agarimar con aloumiños.
Dinio, o xa famoso touro de Limiñoa, lembroume aquel do Vento. Pero nada que ver. É máis perigoso o de agora sen cornos que aquel con eles. Como cambian os tempos!