A vaidade das pedras

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado O OUTRO LADO

CARBALLO

21 feb 2016 . Actualizado a las 15:59 h.

Oarco da A Percebeira de Razo, ese que lle valía comparación coa praia de As Catedrais de Ribadeo, caeu. Levaba aí, centos, milleiros de anos. Era de pedra, ese material no que se gravan as cousas de non esquecer, ese substrato do mundo destinado a quedar no sitio cando nin nós nin nada quede xa sobre a Terra, e mesmo así caeu.

O envite teimudo das ondas do mar, as escorreduras da auga da choiva dunha morea de séculos e o soprido infatigable do vendaval botárono abaixo.

Levou por diante unha imaxe única que xa empezaba a ser explotada nesta especie de rexurdimento que é a posta en valor da alma turística da Costa da Morte. Pero deixou tras de si unha ensinanza que compre non esquecer e que leva á categoría do máis insignificante calquera ínfula de grandeza que poidamos ter as persoas.

Por moi alto, moi forte e moi duro que sexas, sempre vai vir algo ou alguén capaz de pasarche por enriba ou mesmo de esmagarche por completo. Esta mesma semana a maior promesa española do décatlon, o deporte de deportes, morreu a causa dun cancro. Tiña 23 anos.

Cabe preguntarse entón que sentido ten a vaidade, de que vale a acumulación de riquezas ou a onde conduce o tratar de medrar facéndolle a outros a vida máis infeliz, se ata as pedras caen.

Quédanos aproveitar o mellor que ten este mundo e a propia existencia, como é mirar para A Percebeira de Razo e fascinarnos coa súa beleza. Gozar dun son, dun bocado, dun agarimo porque non sabemos se mañá vai a estar aí e cando queiramos decatarnos igual xa é tarde.