A vaca como moto

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Todos (case todos) temos cometido algunha barbaridade de novos, que é a única etapa na que se poden entender, aínda que non desculpar. Os tempos son outros, evolucionamos a mellor e hai que dar grazas por que non pasase nada. O malo é dos que non evolucionan: penso no tal Paquirri, o torero que para xustificar o de poñer a filla en perigo capeando unha becerra non se lle ocorre outra cousa que «é tradición». Así xa vale, debe parecerlle. Quedou nos anos setenta e non lle hai que facer.

Vendo a súa foto, acordeime das trastadas coas vacas. Aproveitar a sesta dos vellos para ir á corte e subirse ao pescozo dunha delas, agarrala polos cornos ou orellas e soñar con levar unha moto. Risco controlado: o máximo era caer no esterco, agás que colleses de montura á máis vella. Outra cousa era facelo no prado e cunha cucha nova. A algún que eu sei aínda lle doe o lombo da caída. Zafou da cornada, polo menos.

En fin. Escorrer no río cruzando cheas. Subir por eucaliptos desfacendo o pantalón. Probar a velocidade máxima da bici en pistas de pedra e sen freos (e sen sentido ningún). Probar a lanzar foguetes (e lanzalos). Coller mandos de herba e algún con culebra no pack. Aguantar unha sesión de «quitar o aire». Pasar días enteiros con flemóns e sen pastillas. Non ten nada de mítico, nin sequera contalo, e habíaos ben peores. Así era todo. Pola décima parte, agora levámonos as mans á cabeza, mellor que sexa así. Previr, non curar. Postos a botar de menos algo, o andar. Algúns facíamos máis quilómetros a pé que agora certas rutas completas de bus a un instituto.