Silencios

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Seguro que todos lembramos cando chegaban emigrantes de certos países, nas vacacións, cos seus discursos tan estarrecidos sobre todo o que tiñan alí era moito mellor: que se non tiraban papeis na rúa ou nos bares, que se había orde sempre nas rúas, que se os servizos públicos funcionaban e os horarios cumpríanse... Estarrecido, pola maneira de contalo, pero no fondo todos sabíamos que tiñan razón. Hai moitos países que nos levan vantaxe, e por moitas razóns (inflúe a base cultural, relixiosa, xurídica...), aínda que tamén é certo que nos últimos vinte anos cambiou todo moito e xa hai temas nos que a vantaxe vai polo noso lado. Conste que moitos tampouco lograbamos entender por que a algún ou algunha non se lle pegaba esa perfección, especialmente en cuestións urbanísticas, pero ese é outro tema.

Malia ter aburridos eses debates, ao final un acaba caendo neles. Así somos algúns. E, tras unhas cantas viaxes polo centro e a periferia de Europa, o que máis empezo a envexar, sobre todo polo que se ve no corazón do continente, é o silencio. A maneira de falar, baixiño incluso na rúa, e xa non digamos no transporte público, no que se escoita máis forte o rozamento das rodas que as conversas dos que van sentados a poucos metros. Ou nos restaurantes, nos mercados. Si, xa sei que haberá quen diga que neste ou naquel sitio non é así, que hai de todo. Haberá, pero a raia do silencio, en xeral, é moito máis gorda que a do ruído. E que gusto dá captar así unha cidade. Incluso estando calado, pero de frío.