Dicía certo mandatario hai nada que desexaban, alí no seu goberno, facer de Galicia un bo lugar para ter fillos. A cousa viña a conto do cheque mensual por cada neno nacido a partir de xaneiro. Se fora por desexo e por ter fillos, a min tamén me gustaría desexar, e que os meus coñecesen certo mundo ou, polo menos, que tivesen a oportunidade. Que visen xente do mar vivindo do mar e xente do agro vivindo do leite. Que puidesen ser Balbinos, non polo de probes, senón polo de loitadores, polo de afoutos, polo de lanzar pedras aos Manolitos (a veces está ben revirarse), polo de saber que non todo son pantallas, nin marcianos. Gustaríame que mollasen os pés nas pozas, que tivesen aldea a onde volver para non respirar só asfalto. Que coñecesen o cheiro da terra mollada porque alguén vive aínda nela, que soubesen como pica a herba seca, de que cor son os escaravellos, que visen fontes con uso, pichos de auga proveitosos, millo nas leiras, nacementos de vacas... Que muxisen unhas cantas gotas a escondidas para levarllas aos cans e aos gatos recén nacidos e agochados. Que soubesen que fai sentir o fume das tardes de inverno e que tivesen claro que como mellor saben as castañas son asadas entre ascuas. Se por soñar fose pediría que nunca deixasen de ter mestres coma os das escolas unitarias, deses que saben os nomes dende o primeiro día, de onde veñen os nenos e que é o que lles pasa. Mestres sen horario. Hai unha Galicia, sendo algo pesimistas, en risco de perda. A Galicia verdadeira, a nai, a matriz, a orixe. Esa Galicia de onde a xente da cidade leva patacas e ovos na fin de semana. Fan falta máis ca cheques, aínda que por algo, claro, se vaia empezando.