Dombate, centro da vida en Cabana

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Para estes próximos días hai preparadas varias actividades no entorno do dolmen

06 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O dolmen de Dombate e o seu Centro Arqueolóxico e de recepción de visitantes seguen acaparando boa parte da vida cultural do municipio de Cabana. O megálito é, sen dúbida, alma de Bergantiños e fonte de dinamización. O Concello cabanés ten preparado un amplo programa para este mes de novembro, incluído dentro doutro aínda máis extenso e denominado Outono do Patrimonio que xa comezou aló por setembro. As actividades deste mes comezan hoxe mesmo, cunha exposición da ferramenta dixital EduCABANA para alumnos e alumnas da Universidade de Santiago. Virá logo o domingo a presentación discográfica de Folcromías, por parte de Fernando Fraga, quen terá como acompañante ao gaiteiro Óscar Ibáñez. Para a semana quedará a Romaría de Inverno para centos e centos nenos dunha decena de centros educativos de varios concellos e tamén un roteiro guiado, con lendas e música incluída, polo Pozo d?Orca ou o castro de San Brais de Folgoso. Maneiras distintas de coñecer e valorar o propio.

Aprazada a cita do 22

Non obstante, a última das actividades deste novembro, prevista para o día 22, tivo que ser aprazada. Ía ser un espazo dedicado ao patrimonio oral e artístico (visitas, regueifa...)

Posibilidade de visitas guiadas na fin de semana

A maiores das actividades puntuais que acolle o Centro Arqueolóxico, tamén durante estes meses é posible facer visitas guiadas ao dolmen, á catedral do megalitismo galego. Pode ser os sábados e domingo, entre as 11.00 e as 15.00 horas, e entre as 15.30 e as 18.00. Para escolas, as xornadas de visitas guiadas son os venres, previa correspondente reserva.